A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, achegouse este xoves ata a Sala do 092 das dependencias da Policía Local, onde presentou, xunto ao Inspector Jesús Piñeiro, os novos equipos de comunicación que vén de adquirir o Goberno para este servizo básico, tanto para a cidadanía como para o Concello.
Os equipos, tal e como avanzou Méndez, entregaranse aos distintos turnos ao longo do día de hoxe e de mañá venres, días nos que os axentes tamén recibirán formación. Entrarán en funcionamento a partir da vindeira semana. Para Méndez, hoxe materializase a adquisición destes equipos de comunicación, que substituirán aos da actualidade, cunha antigüidade de máis de 15 anos.
A nova rede ten unha tecnoloxía máis avanzada e conta con sistema DMR, é dicir, un sistema para evitar copias, favorecendo a encriptación das comunicacións e garantindo a confidencialidade das transmisións así como da protección de datos. Cúmprese ademais unha petición lexítima do Corpo da Policía Lugo.
No acto, no que tamén estivo presente o voceiro da Policía Local, José Manuel Santiso, a Alcaldesa, quen lembrou que Lugo é unha cidade tranquila; asegurou que “investir na Policía é investir en seguridade”, ao tempo que relacionaba que a máis equipamento, máis conexión entre os axentes e, polo tanto, maior axilidade na resposta que se dá á
veciñanza.
Na visita, Méndez deu conta das inversións realizadas nos máis dous anos de mandato, que se achegan aos 300.000 euros. Concretamente, 190.000 para estes novos equipos, 33.000 euros para a adquisición de 55 chalecos e 119 fundas individuais, 5.380 euros para a compra dun caixón de aceiro e de cabina de zona fría para o cuarto de marmeiros e 41.700 euros no subministro de material e formación para a sala de tiro.
Ademais as inversións fixéronse noutro tipo de formación, como cursos de seguridade ferroviaria ou protección no medio ambiente. A Alcaldesa lembrou que o novo equipo de comunicacións está composto por 150 equipos portátiles para os axentes, móbiles para vehículos e motocicletas, e fixos para a sala de control e infraestruturas. A rede contrólase dende a sala do 092 e permite a xeolocalización de todos os terminais en tempo real, unha das ventaxas que subliñou Piñeiro deste novo equipamento, que tamén contempla elementos bluetooth para equipos de motoristas, para prestar servizo de paisano ou en grandes aglomeracións de xente con moito ruído de ambiente.