A Policía Local solicita 83.000 euros en concepto de horas extra polo San Froilán

Os axentes da Policía Local de Lugo veñen de solicitar ao Goberno municipal un total de 83.000 euros en concepto de horas extra durante o mes de outubro pasado, coincidindo coa celebración do San Froilán. Esta cantidade, que supón un importe de máis de 1.000 euros por axente, supón un incremento dun 40% con respecto á cantidade abonada o ano pasado por este mesmo concepto (60.000 euros).

Estes datos foron revelados esta mañá polo grupo municipal de Cidadáns, que considera “ilóxico” que o Goberno municipal outorgue carácter de “servizos extraordinarios” ao feito de que os policías traballen durante o San Froilán, xa que forma parte das tarefas encomendadas á Policía Local patrullar as rúas da cidade os 365 días do ano polo que, “sexa durante as festas patronais ou non, forma parte da súa labor ordinaria”.

O concelleiro de Cidadáns, Jesús Expósito, considera aínda máis “sangrante” que se paguen horas extra “continuamente” aos membros da Policía Local “cando a súa media de horas de traballo efectivas é de 25,5 horas semanais, un terzo menos da xornada laboral legalmente establecida”.

En total, no que vai deste ano a Policía Local de Lugo leva cobrados xa 117.646 euros en concepto de horas extra, aos que habería que engadir os 83.000 euros previstos en outubro, así como as cantidades que resultasen nos meses de novembro e decembro. Ao importe total das horas extra habería que sumar as gratificacións por productividade dos axentes no seu traballo. En 2016 os axentes cobraron un total de 203.609 euros en concepto de produtividade.

A produtividade deste ano está sen pagar pero previsiblemente a cifra será similar, polo que a suma total por horas extra e produtividade será duns 400.000 euros en 2017, o que supón de media uns 4.500 euros por axente a maiores do seu salario habitual. O salario actual dun axente é de 1.816,27 euros brutos ao mes para un policía que fai turnos, 1.953,98 euros no caso dun oficial e 2.268,21 no caso dun inspector, ao que lle habería que engadir os trienios de antigüidade, ademais das horas extra e productividade. “O Goberno de Lara Méndez propón incrementar o salario aos policías en 450 euros mensuais na nova Relación de Postos de Traballo, polo que no caso de aprobarse a RPT proposta polo Goberno os policías locais de Lugo estarían entre os mellor pagados de todo España”, asegura Expósito.

En todo caso, Jesús Expósito afirma que “os axentes da Policía Local, igual que o resto de traballadores públicos, teñen que ter un salario acorde á labor que realizan, polo que non é tanto cuestión de canto cobran senón do traballo que fan, e os cidadáns de Lugo, que son os que pagan o salario aos policías locais, o que queren é ver máis axentes na rúa, unha policía próxima e eficaz formada por axentes que cumpren cos seus cometidos e coa totalidade da súa xornada laboral, que como a de todos os funcionarios públicos é de 37,5 horas semanais e non de 25,5″.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com