O seu traballo custou e non foi en balde: grazas á segunda reprobación da conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera, por parte, esta vez, do goberno municipal co apoio inestimable das concelleiras do BNG, Paz Abraira e Cristina Ferreiro, por fin! imos ter luguesas e lugueses a hemodinámica en Lugo. E porque non saíu reprobado Jaime Castiñeira, senón, abofé que nos traen tamén a Facultade de Medicina.
E agora qué, dirán vostedes. Pois nada, a seguir perdendo o tempo.
Teño por seguro que cando se levou a reprobación da conselleira ao pleno da Deputación de Lugo para a súa aprobación, esta tivo sentido pois era a plasmación do sentir das xentes da provincia expresado pola maioría dos seus representantes. Tratábase de deixar constancia do rexeitamento á política sanitaria da Xunta de Galicia na provincia, en toda a provincia de Lugo.
Agora ben, esta segunda reprobación é, permítaseme dicilo, de traca. Porque unha de dúas, ou o goberno municipal xunto coas dúas concelleiras do BNG cren que o municipio de Lugo é unha sorte de cidade estado á cal só representan os seus propios políticos, ou non teñen nada mellor que facer, pois os problemas dos lucenses están todos solucionados e poden dedicar os derradeiros días da actual lexislatura á nobre arte da retórica e a dialéctica.
Neste mesmo pleno, o da reprobación, o alcalde anunciou que ía solicitar de contado unha entrevista co Presidente para lograr que se amplíe a hemodinámica de unha a tres quendas, é dicir, 24 horas e se implanten os servizos de medicina nuclear e radioterapia no Hula. Ese si é o camiño, poñerse a traballar, buscar consenso.
Máis o éxtase chegou co intento de facer outra reprobación ( veña outra rolda!) ao líder da oposición sr. Castiñeira por parte de Foro Lugo, iso xa foi para matrícula. Se mal non lembro, o sr. Saavedra, actual líder de Foro Lugo, era militante do Partido Popular cando o presidente da Xunta Núñez Feijoo fixo a promesa de implantar os servizos antes nomeados e coido que non se foi precisamente do PP porque non se implantaban estes servizos. Ou si?