Porco Celta, Grelos, Patacas e Mel de Galicia Exaltacións Gastronómicas de setembro

A deputada Pilar García Porto, e o vicepresidente da Asociación Hostaleiros, Jose Manuel Cela, presentaron este xoves nos xardíns do Pazo de San Marcos as xornadas Exaltacións Gastronómicas…E Para Comer Lugo do mes de setembro. Estas degustacións terán lugar, dende mañá venres ata odía 29 deste mes, en 50 establecementos de hostalería de 23 concellos da provincia. Estes restaurantes introducirán nos seus menús o Porco Celta, e grelos, patacas e mel de Galicia cociñados con diferentes estilos.

García Porto destacou que “desde o mes de abril e ata o vindeiro mes de novembro impulsamos, desde a Deputación de Lugo e da man de APEHL, este proxecto co fin de continuar fomentando o turismo gastronómico e dinamizando o sector servizos na provincia. Nesta liña, a través desta programación, poñemos en valor a excelente calidade dos produtos gastronómicos de Lugo a través da degustación de produtos acreditados cos selos de calidade, como son a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou a Denominación de Orixe (DOP)”.

Coas Exaltacións Gastronómicas, a Deputación continúa apostando pola promoción dos produtos autóctonos de calidade en apoio aos produtores do rural e como clave para o impulso da economía da provincia. Outro dos obxectivos destas xornadas é desestacionalizar o consumo dos produtos como o grelo de Galicia coa fin de darlles continuidade fóra das épocas de produción.

 Calendario de Exaltacións Gastronómicas

Estas xornadas gastronómicas realízanse todos os meses exaltando diferentes produtos da provincia. Cada unha ten unha duración de 10 días, comezando en venres e estendéndose ata o último domingo de cada mes. A derradeira xornada do 2019 será en novembro.

Os 50 locais de hostalería participantes incluirán nas súas cartas pratos que conteñan os alimentos seleccionados en cada mes. Na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal e en www.eparacomerlugo.com pódese consultar os restaurantes participantes, as datas e os produtos que se exaltan cada mes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com