Portomarín contará cun centro de día e 13 apartamentos tutelados

O Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno a contratación das obras dun centro de día e 13 apartamentos tutelados en Portomarín, con capacidade para 54 maiores, cun investimento superior aos 1,7 millóns de euros. “O Presidente, Darío Campos Conde, cumpre deste xeito cos veciños de Portomarín, garantíndolles unhas instalacións sociais moi demandas neste municipio”. Así o destacou o voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos.

Santos Ramos explicou que, da cantidade total, o Goberno Provincial achega máis de 1,5 millóns e o Concello 200.000 euros, os terreos e a licencia de obra. Ten unha superficie de case 2.200 m 2 e 4 plantas: o soto para o garaxe; planta baixa para o centro de día con capacidade para 28 maiores, 1 apartamento, comedor social e servizos comúns (lavandería, zona de vixilancia, control,  administración…); a 1ª planta con 8 apartamentos e 2ª con 4 apartamentos. Os 13 apartamentos contan cunha superficie de entre 55 e 63 m 2 . Dispoñen de zona de cociña, comedor e sala de estar, habitación dobre e baño adaptado.

“Non sei o que fará neste caso o Partido Popular. É dicir, se tamén decidirá coa súa maioría absoluta no Consello de SUPLUSA autorizar a interposición de recursos de reposición e contenciosos contra este centro para maiores como fixo cos de Guitiriz, Trabada, Pol, A Fonsagrada e Ribadeo. Con todo e pese a quen lle pese, nós seguiremos a traballar na construción e posta en marcha de todos os centros da 3ª idade nos Concellos proxectados porque son unha necesidade e porque para nós o primeiro si son, e sempre serán, todos os veciños da provincia, sexan do municipio que sexan. Entre abril e maio teremos máis novidades pese a SUPLUSA, ese ente que o Partido Popular coa súa maioría ten convertido no maior risco para os maiores da provincia de Lugo”, remarcou o voceiro do Goberno da Deputación.

Asemade, hoxe o Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno iniciar a contratación do equipamento necesario para poder ofrecer no propio centro de maiores de Pol os servizos de cociña e lavandería. O prezo de licitación destas actuacións é de 63.300 euros. Tamén inclúen o cambio do chan dun patio que é de madeira, non sendo o apropiado, posto que coas choivas esbárrase no mesmo.

Santos Ramos explicou que a Deputación ten no inventariado provincial as residencias rematadas e estase a facer a comprobación das obras para liquidalas e, “o máis importante, poder abrilas a pesares de todas as trabas que poña o PP”. En Pol, constatou que a cociña non tiña fogóns para preparar alí a comida e tampouco o equipamento necesario para lavar alí a roupa. Trabada estaba na mesma situación. Neste caso, os traballos xa están contratados. Nestes dous centros, tampouco había material de lencería (sábanas, toallas, babeiros…) que merca a Deputación.

No caso da Fonsagrada, a Deputación segue coa tramitación do PIA (pois a Xunta pediu a súa actualización) e coa comprobación das obras. Ribadeo agarda polo PIA que reclamou tanto Deputación como Concello. A Deputación segue adiante cos procesos de selección pública de psicólogos, fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais, ATS, traballadores sociais, administrativos… que atenderán aos maiores. Todo isto, a pesares de que o PP e o Deputado independente tentaron sen éxito paralizar todos estes procesos públicos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com