O voceiro de ACE-Esquerda Unida no Concello de Lugo, Carlos Portomeñe, abandonou esta mañá a sesión plenaria para denunciar o “incumprimento sistemático” por parte do Goberno local dos acordos plenarios.
No trascurso do debate sobre o primeiro punto da orde do día, referido a unha corrección de erros no PXOM, Portomeñe lembrou que o seu grupo levou ata 19 mocións ao pleno das que 15 foron aprobadas e case ningunha executada. “Teñen un terzo de representación e compórtanse como se tiveran unha maioría aplastante”, replicou o voceiro de ACE ao Goberno local, ao tempo que lembrou que moitas das mocións aprobadas atinxen a temas importantes como a xestión dos comedores escolares ou ao urbanismo da cidade.
Antes de marchar do pleno, Carlos Portomeñe cualificou como “burla” a actitude do equipo de Goberno liderado por Lara Méndez e apuntou que decidiu levar a cabo esta acción como un acto de “rebeldía democrática”.