Portomeñe cualifica de “trama cutre” os movementos urbanísticos ao redor do Club de Golf

“Club de golf, zona protexida, chalés, hotel…ten todos os ingredientes dunha trama cutre porque é demasiado rechamante”. Esta é unha das frases pronunciadas hoxe polo voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, nunha rolda de prensa para valorar os últimos pasos dunha investigación relacionada con posibles irregularidades na zona de Fixós.

En concreto, a Xustiza tenta escalarecer se houbo un intento de pelotazo urbanístico nos terreos contiguos ao Club de Golf e para iso chama a declarar ao expresidente da entidade, Victoriano Azcárraga, como investigado. Ademais a xuíza tomará declaración a 23 exdirectivos máis. Ao mesmo tempo, a instrución require informes ao Seprona e tamén ao Concello. A este último pídelle que identifique aos concelleiros que ocuparon a área de Urbanismo entre os anos 2005 e 2010.

“Todo o mundo sabe os nomes dos concelleiros de Urbanismo. Besteiro, María Novo e Francisco Liñares” asegurou Portomeñe, pero pon o foco nun en concreto. “Casualmente Liñares tiña 80.000 m2 de finca contiguos ao campo de golf”, manifestou.

Pero dende o Concello aseguran que “a día de hoxe, neste momento, (eran algo máis das 11:30 h.) non entrou ninguna solicitude do Xulgado”, dixo o voceiro do goberno, Miguel Fernández. “En todo caso, cando entre, se é que entra, e como sempre fixemos, a nosa máxima colaboracion coa Xustiza. Aportaremos toda a documentación que sexa precisa”, engadiu o edil.

Recalificación de terreos

Para o edil de ACE-EU, todo comeza cunha suposta recalificación dos terreos colindantes ao Club de Golf, que no PXOM de 2006 “viñan recollidos como solo de especial protección forestal e agropecuaria” pero no de 2009 “de repente, por arte de birlibirloque, da noite para a mañá, o que era solo de especial protección pasou a ser urbanizable e unha zona para a especulación inmobliaria que ccntemplaba a construción de 400 chalés e ata un hotel”, explicaba Portomeñe.

Unha recalificación, segundo o edil, “ilegal e irregular” baseándose nos informes da Xunta, “que sempre denegou esa urbanización”, incluso anos depois e a pesar de que se foi reducindo o número de vivendas previstas. De feito, a recalificación é provisional, xa que forma parte do 5% do territorio do concello pendente de aprobación definitiva.

Portomeñe tamén se lembra dos donos das fincas de Fixós, que venderon as súas parcelas de solo rústico “e de escaso valor a prezo de saldo”, despois de “recibir visitas”. Uns propietarios que máis tarde “se atoparon con que a 200 metros da súa casa, onde non teñen servizos de saneamento ou abastecemento, se querían construír chalés de luxo con todo tipo de privilexios”.

Nexos coa Carioca ou a Pokémon

Portomeñe expuxo ademais as relacións de empresarios e políticos desta investigación con operacións xudiciais como a Carioca, a Pokemon ou a Campión, así como casos urbanísticos como o Garañón. Un dos personaxes clave é o construtor lucense Manuel Jesús Vázquez Corredoira. “O campo de golf lle encarga as alegacións (para conseguir que se levase a cabo a recalificación) e firma un contrato privado polo cal levaría o 15% dos beneficios no caso de que o solo protexido apareza como urbanizable”, asegura o voceiro de ACE-EU, lembrando ademais que o construtor era o cuñado da concelleira de Urbanismo María Novo.

Ao mesmo tempo, segundo indica Portomeñe, Vázquez Corredoira era socio de Trepia 06, unha sociedade que adquire no seu momento os dereitos de edificación da zona e que tamén está sendo investigada. E aí é onde atopamos o primeiro nexo co caso Garañón, xa que “Trepia foi a que fixo a reforma do piso de José Ramón Gómez Besteiro”, imputado nese proceso.

Para conectar coa Operación Campión hai que ir ás obras do chalé en Madrid do ex ministro socialista José Blanco. “Proitec, tamén membro de Trepia, foi a que lle fixo as reformas” a Blanco. Sen esquecer a Carioca: “O campo de golf aparece no sumario da operación como o lugar onde se celebraban festas con xente do Queens e onde se facían negocios urbanísticos na nosa cidade”, engade Portomeñe.

“O ex secretario sae chorando do seu despacho”

O edil de ACE-EU denuncia que nesa época houbo presións por parte do goberno local para poder seguir adiante coa recalificación do solo. E pon como exemplo o caso do ex secretario do Concello, na actualidade xubilado. “En 2009, cando se aproba o PXOM no pleno, (o secretario) fai un informe negativo do urbanizable de Fixós, e o ex alcalde Orozco e unha funcionaria presionan ao ex secretario para que cambie o sentido dese informe, e pola forte presión sae chorando do seu despacho”.

Responsabilidades políticas

Portomeñe busca responsables, tanto entre o goberno local como entre a oposición. “O voceiro do PP, Jaime Castiñeira, recoñeceu publicamente que o construtor (por Vázquez Corredoira) foi falar con el, e tamén o recoñeceu María Novo, a pesar de ser o seu cuñado, e que estimaron oportuno facer as recalificacións porque era un gran proxecto para Lugo” dixo.

Polo momento o voceiro do actual goberno, Miguel Fernández defendeu as accións do anterior equipo. “Entendemos que o PXOM se aprobou no seu momento con total transparencia e rigorosidade e o procedemento foi o correcto”.

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com