O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida amosou esta mañá en rolda de prensa a súa preocupación polas declaracións do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, coas que anunciou que o goberno local xa ten prevista unha modificación puntual ou corrección de erros do PXOM para incluir o trazado oficial do Camiño Primitivo que se delimitou en 2012, pois iso non é suficiente para cumplir a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
“O problema de base non está no cambio de trazado, senón que non se tivo en conta o territorio histórico do Camiño, qué é un ambito moito máis amplo que require un grado de protección integral por ser un Ben de Interese Cultural dende que se declarou Patrimonio da Humanidade, polo tanto a súa fisonomía debe permanecer inalterada na medida do posible e non se pode realizar ningunha intervención nel sen a autorización expresa da Consellería de Cultura”, sinalou Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Tódalas accións urbanísticas realizadas no territorio histórico do Camiño Primitivo sen ese permiso autonómico incumpren a lexislación de protección e conservación patrimonial, e non ter en conta isto no planeamento urbanístico é unha imprudencia e unha temeridade non só pola inseguridade xurídica dos proxectos urbanísticos, senón pola situación de absoluta desprotección na que se atopa esta Patrimonio da Humanidade”.
É unha obriga legal de tódolos concellos polos que pasan as rutas dos Camiños de Santiago a adaptación do seu planeamento urbanístico para incorporar a delimitación definitiva tanto da súa traza como do seu territorio histórico, así como establecer as determinacións específicas para o seu réxime de conservación, polo que o Concello de Lugo leva seis anos incumprindo a legalidade, e por iso ACE-EU quere corrixir esta situación canto antes cambiando debidamente o PXOM.
“Piñeiro amosou que non ten nin idea do que isto significa nin do que supón para o noso municipio. Trátase dunha auténtica catarsis no urbanismo de Lugo, pois con este grado de protección integral moi poucas e moi ben xustificadas poden ser as intervencións permitidas dentro do ámbito xeográfico que corresponde ao territorio histórico do Camiño Primitivo, xa que obriga á conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais”, explicou o concelleiro de ACE-EU.
ACE-EU insiste en que tódalas intervencións plantexadas polo goberno local dentro da Estratexia DUSI para conectar a cidade co Miño invaden o ámbito de territorio histórico do Camiño Primitivo, polo que se estaría incumprindo a legalidade executando os devanditos proxectos sen a autorización expresa da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e en consecuencia poñendo en perigo os dez millóns de fondos europeos captados para executalos. As empresas contratadas polo executivo de Lara Méndez non tiveron en conta en ningún momento a especial protección deste espazo nin no plantexamento xeral do Plan Muramiñae elaborado pola consultora PricewaterhouseCoopers nin nos estudos de viabilidade dos proxectos encargados á INCA.
Para ACE-EU esta é a enésima proba da irresponsabilidade e improvisación continuas do goberno local, que cando contratou a redacción dos traballos enmarcados na estratexia DUSI debeu ter esixido ás empresas adxudicatarias a formación e cualificación suficiente en materia de investigación, conservación, restauración e rehabilitación para intervir nun ámbito BIC da categoría territorio histórico, como o é o Camiño Primitivo. Nos pregos de contratación non se requiriu nunca ese requisito, incumprindo xa deste xeito tamén a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
“Os proxectos da pasarela que leva ao Anxo Carro, a ampliación do paso soterrado, a reforma da volta da Viña, a descontaminación e posta en valor do barrio do Carme, moitos dos tramos dos carrís bicis anunciados; invaden todos eles o ámbito delimitado como territorio histórico do Camiño Primitivo, polo tanto, requiren un permiso que o goberno local xa debería ter solicitado, pois a Xunta ten a potestade legal de ordenar a suspensión de calquera intervención non autorizada nun ben de interese cultural, e polo tanto podería paralizar a totalidade dos proxectos europeos da EDUSI”, enumerou Portomeñe. “Ningún destes proxectos, tal como están plantexados, é viable dende o punto de vista da protección integral do Camiño Primitivo, e non obterán a autorización de ser solicitada, porque en ningún momento se tivo en conta a conservación do territorio histórico no momento de redactalos”.