A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a executar as obras de dragaxe da dársena e a bocana de acceso ao porto do municipio lugues de Foz. Segundo os técnicos do ente público, de non producirse ningún imprevisto nas vindeiras semanas, estes traballos poderían quedar rematados nun prazo aproximado dun mes.
Esta actuación, que conta cun investimento de medio millón de euros, dá resposta á demanda reiterada por parte do sector portuario focense e do concello, que viñan reivindicando unha actuación en profundidade para devolver calado á dársena pesqueira e náutico recreativa.
Unha vez completadas as obras de dragaxe, procederase a executar a segunda fase do proxecto consistente na instalación de novos pantaláns na mesma zona pesqueira. Portos prevé que ditas obras poidan estar finalmente rematadas para o vindeiro mes de novembro.