A Subdelegación do Goberno acolleu esta mañá a reunión de seguridade previa á celebración da oitava edición do Rallye Comarca da Ulloa, que se desenvolverá os vindeiros días 2, 3 e 4 de outubro e que discorrerá polos concellos lugueses de Palas de Rei e Monterroso, e polo coruñés de Melide.
Na xuntanza informouse á Escudería Comarca da Ulloa –organizadora da competición- das súas responsabilidades na posta a punto para a celebración do rallye. Neste sentido, lembrouse que é a escudería a que debe deseñar e velar polo cumprimento dun plan de seguridade, que perfile os medios sanitarios dispoñibles, o itinerario de evacuación para cada treito cronometrado, e os lugares prohibidos aos espectadores, entre outros aspectos.
Do mesmo xeito, no encontro desta mañá analizáronse as medidas especiais de regulación e ordenación de tráfico que deben establecerse nos concellos polos que discorre a proba, co fin de minizar as afectacións de estradas e de habilitar desvíos alternativos.
Os representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado informaron de que desplegarán un amplo dispositivo co obxectivo de reforzar o plan de seguridade que debe poñer en marcha a escudería para atender este evento deportivo. Con ese dispositivo trátase de colaborar co persoal da organización para garantir a seguridade, tanto dos propios participantes no rallye como dos espectadores e do conxunto de condutores que se despracen polas vías afectadas pola competición.
Así, axentes do Subsector de Tráfico despregaránse nos diferentes treitos do rallye auxiliando aos organizadores nas labores de controlar que os tramos se pechen e abran nos horarios establecidos, evitar o paso de vehículos non autorizados aos tramos cronometrados, controlar os estacionamentos para evitar perturbacións no desenvolvemento da proba ou informar aos condutores dos itinerarios alternativos, entre outras.
A Comandancia da Garda Civil de Lugo desplegarán asemade efectivos da especialidade de Seguridade Cidadá que colaborarán co persoal da organización para garantir a efectividade dos cortes de tráfico, ademais de previr a comisión de posibles feitos delictivos e controlar a orde pública.
Na xuntanza, na que houbo un momento de lembranza para as vítimas do accidente rexistrado no Rallye de Carral (A Coruña), fíxose fincapé na necesidade de lembrar aos afeccionados a importancia de situarse en lugares alonxados da traxectoria dunha posible saída de vía dalgún dos participantes na competición e, ademais, non situarse diante de lugares sólidos como poden ser muros de pedra, árbores, vehículos ou colectores.
Recoméndase tamén aos asistentes que conduzan con prudencia nos desprazamentos dun tramo a outro, que deixen libres as escapatorias, eviten estacionar dentro dun treito cronometrado e que non anden polas cunetas nin cruces de calzada durante o desenvolvemento da proba, senón que deben utilizar camiños paralelos ou agardar ao remate da mesma.
Na reunión desta mañá participaron o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o presidente da escudería Comarca da Ulloa, Luis Vilariño; o vicepresidente Jaime Diéguez; e o xefe de seguridade da mesma, Rubén Vila; o presidente da escudería Lalín-Deza, Antonio Rodríguez; o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada; o de Monterroso, Jesús Otero; a concelleira de Benestar Social de Melide, María Jesús López; o xefe territorial de Presidencia da Xunta, José Manuel Rozas; ademais de representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico e a Xefatura provincial de Tráfico.