Mentres os membros do Goberno de España practican o xogo da confusión con respecto á fecha en que chegará a Galicia o AVE, os servizos convencionais de ferrocarril con destino ou saída de Lugo sofren cada día incidencias a causa do envellecemento das infraestruturas e do material rodante. A maiores, Renfe “teima” no seu intento de pechar o servizo de venda presencial de billetes en tres estacións da provincia, aínda que parece que temporalmente a presión institucional (desde a propia Xunta aos concellos) e social fixo que reconsidere tal medida. Os populares presentan iniciativas en distintos ámbitos institucionais para esixir para Galicia, en xeral, e para Lugo, en particular, os servizos de calidade que precisa.
O Grupo Provincial Popular espera que os grupos que conforman o goberno da Deputación apoien a moción que neste senso presentará na sesión plenaria de mañá. Os deputados provinciais do PP din que “os lucenses non entenderían” que o goberno presidido por Xosé Tomé votase contra unha proposta para instar ao Goberno a que rectifique a súa decisión de deixar sen servizo de venda presencial de billetes ás estacións ferroviarias de Burela, Sarria e Viveiro e a tomar as medidas oportunas para garantir o mantemento deste servizo nestas estacións, sen impoñer á administración local abrigas de financiamento dunha competencia exclusivamente estatal.
Tampouco sería entendido polos cidadáns lucenses, segundo os populares, que socialistas e nacionalistas non apoiasen a reclamación ao Goberno presidido por Pedro Sánchez para que presente un cronograma real e actualizado sobre a evolución das obras do AVE en Galicia, o inicio do período de probas e as previsións de posta en servizo.
“Ninguén pode negar que as infraestruturas ferroviarias que serven a Lugo están obsoletas na súa maior parte”, critican dende o PP. Polo tanto, “é de esperar”, din os populares, que Tomé e os deputados socialistas e nacionalistas apoien a demanda ao Goberno de que se melloren as infraestruturas ferroviarias galegas en territorio lucense e se renove o material rodante mediante unha actualización progresiva do mesmo.
Na moción que se debaterá mañá, os populares indican, con respecto ao peche da venda presencial de billetes, como foi a secuencia entre a decisión do Goberno de pechar este servizo e a de mantelo provisionalmente. O Goberno decidiu no seu momento que, a partir do 31 de decembro de 2019, quedarían sen o citado servizo oito estacións ferroviarias de Galicia, concretamente: na de Ortigueira, na Coruña; en tres da provincia de Lugo: Burela, Sarria e Viveiro; en dúas da provincia de Ourense: O Carballiño e Ribadavia; e en dúas da provincia de Pontevedra: Guillarei (Tui) e Redondela.
Dise na moción: “Ante o peche das taquillas, a única alternativa presencial que se lles ofreceu inicialmente aos usuarios foi adquirir o billete a través de Correos. Sen embargo, esta sociedade estatal aplica un suplemento do 5% ao prezo de billete. lsto supón un novo encarecemento, xa que a, principios de ano, Renfe subiu o custo dos billetes nun mínimo dun 1% en función do traxecto. Ante o malestar evidente que esta medida está a provocar nos usuarios, o 15 de xaneiro o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana anunciou a súa intención de manter só dun xeito provisional este servizo mentres se buscan solucións definitivas mediante acordos de colaboración con deputacións e concellos interesados en manter a venda presencial“.
Por outro lado, os populares indican que “a decisión do Goberno socialista de suprimir o servizo de venda presencial de billetes nalgunhas estacións, tres delas na nasa provincia, e ás continuas incidencias que hai en liñas que serven a Lugo, súmanse os novos retrasos recoñecidos para a posta en servizo do AVE que debería unir o noso territorio coa Meseta”. Agregan: “O informe elaborado polos técnicos da Xunta o pasado outubro xa aseguraba que as obras non ían acabar a finais de 2019, tal e como comprometeran o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o ministro de Fomento, Ábalos. E é evidente que as obras non acabaron en 2019, nin van rematar en xaneiro nin en febreiro de 2020. Este informe tamén dicía que o AVE a Galicia non ía estar en condicións de entrar en servizo nin en 2020 nin, probablemente, en 2021, Ano Xacobeo. O Goberno socialista negouno, pero agora a Comisión Europea di o mesmo que a Xunta, que antes de 2022 non imos poder coller o AVE”.
Estes días, varios membros do Goberno deron datas diferentes, para finalmente quedarse coa de 2021, a todos luces practicamente imposible de cumprir.