O Partido Popular no Concello de Lugo denunciou esta mañá que continúa o “goteo” de solicitudes ao concello para a devolución das plusvalías cobradas indebidamente. Ante esta situación, o seu voceiro, Antonio Ameijide anunciou que porá a disposición dos afectados un impreso para que podan efectuar a reclamación e conseguir o reintegro do que se lles cobrou de maneira irregular. Ameijide destacou ademáis que en Lugo xa se presentaron este ano 41 devolucións deste imposto, sumando dende 2013 máis de 9 millóns de euros.
Ameijide indicou que “lamentablemente os socialistas de Lugo non están a axudar aos veciños que tiveron que facer fronte a este imposto a pesar de que o inmoble que venderon perdeu valor e, polo tanto, non correspondería tributar por este concepto tal e como se recoñece en varias sentenzas ditadas polo Tribunal Constitucional. A última foi do pasado 11 de maio e nela se recoñece a insconstitucionalidade desta práctica e a posibilidade de reclamar aos concellos o cobrado indebidamente”.
En Lugo, no que vai de ano, se presentaron 41 reclamaciones solicitando a devolución de plusvalías catro delas resolvéronse e outras 37 están pendentes. Os populares explican que “se debe actuar con urxencia posto que o dereito a percibir a plusvalía cobrada indebidamente prescribe aos catro anos. Transcorrido este prazo dende que se ingresou o diñeiro pola venda , o dereito quedaría estinguido”, matizou o voceiro popular.
Para o voceiro popular resulta prioritario tratar esta problemática porque moitos destes casos corresponden a propietarios de pisos comprados na época de prezos altos, e que se venderon cando o mercado inmobiliario experimentou unha forte baixada. “En boa parte dos casos, falamos de persoas que adquiriron ou venderon propiedades como poden ser as súas propias vivendas e pagaron un imposto que non lles correspondía”,
reflexionou Ameijide insistindo en que “non pode esixirse ao vendedor dun inmoble o pago dun imposto que grava un incremento do valor que, en realidade, non se produciu”.
O Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IIVTNU) é un gravame potestativo das administracións locais e no caso de Lugo supón un dos ingresos máis importantes para as arcas
municipais que ven rondando os 2 millóns de euros anuais. Ameijide explicou que nas liquidacións de declaracións de plusvalías no período de 2014, 2015 e 2016 figuran como dereito recoñecido neto 6.449.476,74 € polo que facendo unha previsión para este 2017 poderíamos estar falando dunha cantidade de 9M€ en concepto de plusvalías dos catro
anos nos que non prescribiría o dereito de devolución.
“Malia que o PSOE non ten vontade de solucionar esta problemática dende o PP nos brindamos a axudar aos afectados só teñen que achegarse á oficina municipal do PP na Casa do Concello ou a sede do Partido Popular en Ramón Cabanillas onde lles prestaremos toda a axuda que precisen” afirmou Ameijide, lamentando que o goberno local non asesorase aos afectados para recuperar o cobrado indebidamente.
“Hipocresía e demagoxia”
Ante estas manifestacións do Partido Popular, a edil de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, asegurou que as accións que presenta o PP desvelan a súa “hipocrisía e demagoxia”, pois o pasado mes de marzo o Partido Popular votou na Comisión de Facenda do Congreso dos Deputados en contra de devolver este tributo nos casos de vendas a perdas. Demostra tamén “un completo e gravísimo descoñecemento da administración e da legalidade, pois antes de que dende os concellos, todos os concellos, tamén os do Partido Popular, poidamos tomar calquera decisión ou medida con respecto a este imposto é preciso que o Goberno central modifique a Lei para adaptala á sentenza do Tribunal Constitucional na que se anulaba o tributo cando a venda é a perdas”.
De feito, todas as entidades locais de España o están a solicitar a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), entidade que, tras entregarlle ao Ministerio de Facenda unha proposta para a preceptiva modificación lexislativa, esixiulle en verán ao Goberno a máxima celeridade para tramitala e “despexar deste
xeito a inseguridade xurídica que se está a producir dende a sentenza do TC”. Polo tanto, a Concelleira instou ao grupo municipal do PP a que “inicie unha campaña para esixir a Facenda que cambie a Lei”.