O Partido Popular galego aprobou esta mañá, en solitario e entre numerosas protestas, a reforma da Lei da Saúde de 2008 que traerá consigo a redución das áreas sanitarias en toda a comunidade. O deputado popular, Aurelio Núñez, foi o encargado de defender ante o resto de parlamentarios galegos esta norma que, segundo afirmou, “mellora a calidade” da sanidade pública, pese a reducir de 11 a 7 as áreas sanitarias de Galicia.
O resto de grupos, En Marea, PSdeG e BNG rechazaron esta norma que “reduce e alonxa” os servizos dos cidadáns, ademáis de “perxudicar a igualdade de oportunidades”. A oposición intentou lembrar ao goberno popular as mobilizacións sociais contra esta lei, dándolle especial importancia á concentración celebrada en Santiago.
En frente do Parlamento, unha morea de xente se aglutinaba en sinal de protesta e, no público, altos cargos socialistas apoiaban aos seus parlamentares como, entre outros, o presidente do PSdeG, Gonzalo Caballero.
Representantes socialistas de Lugo, chegaron tamén ás 9.30 horas a Santiago para concentrarse diante do Pazo do Hórreo; entre eles, o Secretario Provincial do PSOE, Álvaro Santos Ramos, o Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, os rexedores de Viveiro, María Loureiro García; Burela, Alfredo Llano García; Trabada, Mayra García Bermúdez; Ourol, José Luís Pajón Camba; Alfoz, Jorge Val Díaz; O Valadouro, Edmundo Maseda Maseda; Lourenzá, Rocío López García; Monforte de Lemos, José Tomé Roca; e Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega; así como a Secretaria de Benestar da Executiva Provincial Socialista e concelleira viveirense, Isabel Rodríguez López, xunto a un cento de veciños da provincia.
“Enterran as áreas sanitarias”
Santos Ramos destacou que “o Partido Popular acaba de enterrar as áreas sanitarias da Mariña e Lemos nunha sesión no Parlamento galego á que nin se presentou Feijóo, na que tamén faltaba máis da metade dos representantes do PP que integran o Goberno galego e na que non tivo o valor de comparecer o propio Conselleiro de Sanidade”.
“Esta imposición é un claro ataque do PP á nosa provincia e un novo desprezo aos lucenses, pois os populares desfanse das áreas sanitarias da Mariña e Lemos, pero non da de Ferrol por exemplo que está a media hora da Coruña, conseguindo que un veciño do Vicedo ou de Sober teñan agora a súa área sanitaria a máis de hora e media do seu Concello”, remarcou.
Santos Ramos destacou que “a proposta do PSOE era a máis consistente: garantir servizos mínimos, definindo un plan de prestacións obrigatorias en todos os hospitais para garantir a todos os veciños o acceso a unha sanidade pública igual e de calidade. Pero o PP non quere que isto sexa así porque ten categorías entre cidadáns e aposta, claramente, pola sanidade privada”.