O Partido Popular pide ao concelleiro Rubén Arroxo do BNG que limite a plantación de árbores alerxénicas na peonalización da Rolda da Muralla na Mosqueira. A concelleira popular Macamen López Silva explica, “segundo o proxecto, que a previsión inicial é plantar nesta nova zona axardinada 31 bidueiros e freixos e que, en canto aos arbustos e tapizantes, levarán gramíneas. A popular lamenta que se vaia a gastar 32.214 € sen ter en conta que o pole destas especies é o que provoca máis problemas de alergía entre os lucenses”.
A concelleira advirte que “aínda estamos a tempo de modificar as árbores e plantas ornamentais que se seleccionaron xa que son as máis prexudiciais para os alérxicos”. Segundo a popular “un bigobierno que tanto alardea de que quere unha cidade saudable e fomentar os percorridos a pé debería tamén pensar na saúde dos veciños e veciñas alérxicos”. “Se de verdade lles importa algo terán en conta a nosa petición”, concluía
A edil do PP lembrou que hai un ano “PSOE e BNG tombaron unha proposición na que se suxería unha planificación saudable das novas zonas verdes de Lugo e para iso indicábase que se podería contar co asesoramento tanto do Campus Terra como do Servizo de Alergoloxía do Hula co ánimo de reducir, a medio e longo prazo, o volume de pole xa que se estima que en 2050 a metade dos lucenses serán alérxicos. as especies que seleccionaron son das peores para estes enfermos”.