“O PSOE da Fonsagrada oponse á que a Deputación abra de xeito inmediato o Residencial Rois”. Así o denunciaban os populares esta mañá logo de que os socialistas votasen en contra da moción presentada polo PP neste senso, sendo o único grupo político que rexeitou dita iniciativa, pois o BNG tamén se manifestou a favor da demanda dos populares.
O voceiro do PP, José Regueiro, recoñece “non dar crédito a semellante despropósito”, cando, precisamente, foi o PSOE no Concello e na Deputación os que inauguraron o centro hai 4 anos. “Presentamos a nosa moción, solicitando algo que é xusto. Asistimos a un sinsentido, propio do camarote dos irmáns Marx, sobre todo, porque non pediamos nada que ningún veciño non coñecese”.
Regueiro considera que, con tal proceder, “aos socialistas da Fonsagrada caéuselles a careta”, demostrando así que “cales son os seus intereses”. “O que está claro é que o desentendemento respecto do futuro deste centro é total”, insiste o popular.
Os populares repasaron na súa moción a cronoloxía da residencia da terceira idade dende 2015 cando se inaugurou a infraestrutura “meses antes das eleccións municipais”. “Durante todo este tempo foron moitos os avatares administrativos que xurdiron en torno a este centro, pois este non é o único que estivo baixo polémica durante estes anos. Como tamén continuas foron as manifestacións e anuncios sobre a súa posta en funcionamento por parte dos diferentes gobernos da Deputación, nos que, por certo, tamén formou parte o exalcalde que a inaugurou”, denunciaban os populares.
Dec 04, 2019 - 10:13 PM
Pois pechada está millor. As persoas co precisen que aguanten. Pobre pensamento político