O PP de Láncara pide un plan de mantemento e conservación das instalacións deportivas

O grupo municipal do PP de Láncara pedirá este xoves, no Pleno que celebrará a Corporación, o establecemento dun plan axeitado de mantemento e conservación das instalacións deportivas do concello. Os populares diríxense así ao Goberno local logo de constatar o estado do pavillón de A Pobra ou da pista de deporte de Láncara; dúas infraestruturas que precisan de actuacións de reparación inmediatas.

Concretamente, dende o Partido Popular agardan que o alcalde socialista acepte esta recomendación, pois na instalación situada na capitalidade do municipio, que fora no seu día a sede de importantes campionatos de división de honra de fútbol sala, e sufragada pola Deputación, é necesario acometer o mantemento das gradas, un barnizado-pintado da pista, a rehabilitación dos baños e unha mellora nos sistemas de aillamento e calefacción. Polo que respecta á de Láncara, é importante entre outras actuacións, abordar o peche perimetral e o pintado da mesma.

“Nas últimas datas asistimos á instalación dunha pista polideporte na urbanización Praias de Valdriz, do cal nos alegramos. Nembargantes, a construción de infraestruturas novas non pode deixar no esquecemento o mantemento das existentes”, precisa o voceiro popular, Santiago Cubillas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com