O PP de Lugo esixe rehabilitar a Casona de O Incio

A voceira do Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo  na Deputación, Elena Candia, mantivo esta mañá unha reunión con representantes desta formación na localidade de O Incio, durante a que trataron sobre a necesidade e a urxencia de que se realicen de xeito inmediato, antes de que se produzan maiores danos na Casona de O Incio, as obras de conservación e rehabilitación necesarias neste inmoble.

Para os populares a demolición do edificio cun importante valor histórico e patrimonial, tal e como se anunciou que farán dende o organismo lucense, pese a que non existe polo momento un proxecto técnico; non é a solución para este inmoble senón que dende o PP piden a reorientación dos 250.000 euros previstos para esta actuación a que, en primeiro lugar e con carácter inmediato, se garanta a conservación da Casona de O Incio, que xa sufriu derrubamentos na súa fachada.

De igual modo, os representantes populares pedirán que “se consignen fondos nos orzamentos para que, unha vez garantida esta conservación, se realice unha reforma integral, de tal xeito que se lle poida dar ao edifico un dobre carácter hoteleiro e de centro social, o que levaría tamén aparellado o acondicionamento dunha zona verde de 1.460 metros cadrados no que se podería desenvolver un espazo de ocio”.

Así, o Grupo Provincial do PP trasladará esta petición, “a través dos órganos competentes, de tal forma que este proxecto sexa o máis ambicioso posible e que dea unha verdadeira resposta ás demandas dos veciños de O Incio e cubra unha necesidade real da localidade”. Os populares fan esta apreciación xa que consideran que “a proposta que a alcaldesa levou no seu programa electoral de converter a Casona nun centro de día non é o que os veciños piden, xa que en O Incio existe unha residencia de maiores que cubre esta necesidade”.

Asemade os populares critican o uso electoralista que os gobernos socialistas fixeron durante anos da Casona do Incio e que só “se lembraban en épocas electorais pese a non terlle dado nunca unha solución a esta xoia arquitectónica, sumando anos sen que se realizase ningún tipo de actuación no inmoble, o que desencadeou a situación de abandono na que se atopa actualmente a Casona”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com