A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Mari Teijeiro, denunciou que unha traballadora dos pisos de acollida leva de baixa dende o 23 de novembro sen que se cubrira a súa ausencia. Mari Teijeiro explica que tan só “cinco días despois” de que se producira a baixa realizouse unha proposta de contratación para cubrir esta vacante, pero a realidade amosa que “a día de hoxe” segue sen cubrise.
A popular non entende por que esta praza non se cubre e outras vacantes municipais sí. A concelleira do Grupo Popular refírese a unha praza de ordenanza para o colexio Menéndez Pelayo que foi ao departamento de intervención ao mesmo tempo que a vacante de auxiliar dos pisos de acollida, pero “o ordenanza xa comezou a traballar a mediados de xaneiro, e incluso xa cesou nas súas funcións, mentres que a vacante para atender ás mulleres ou familias usuarias dos pisos de acollida segue sen cubrirse”.Teijeiro explica que na actualidade o Concello de Lugo ten catro pisos de acollida, dos que tres están en funcionamento e nos que se atende a tres familias. A popular engade que antes eran cinco as traballadoras que tiña o Concello de Lugo para atender a estes pisos pero, na actualidade, “só hai tres persoas encargadas, xa que unha está de baixa e a outra xubilouse, sen cubrir ambas vacantes”.
Unha das consecuencias de que os socialistas non cubran a baixa laboral desta persoa é que non se pode dar servizo na totalidade das quendas asignadas, polo que dende o goberno local optaron pola eliminación da atención nunha das quendas, solución que para os populares entenden “como un recorte” pola falta de previsión e planificación.
Mari Teijeiro expón que o Concello de Lugo non debería tomar decisións que “deixen sen servizos” a estas familias, xa que a falta desta quenda hai que engadir os problemas para cubrir os festivos, feito que se produce ao non ser retribuídas as horas extraordinarias ás traballadoras, polo que “estas datas tamén quedan sen atender”. Para Teijeiro este xeito de actuar afecta ao funcionamento e á calidade do servizo que se presta ás persoas usuarias destes pisos.
Ante esta situación, a concelleira popular pide “maior axilidade” na cobertura das vacantes e pregunta aos socialistas por que teñen “unha dobre vara de medir” que fai que haxa servizos nos que sí se paguen as horas extraordinarias e noutros coma este, que é importante para dar atención ás vítimas da violencia de xénero, non existe unha previsión de reforzo que garanta unha cobertura total.
Mari Teijeiro recorda que non é a primeira vez que as usuarias dos pisos de acollida se atopan con esta situación de falta de persoal, xa que no 2016 se produciu unha situación semellante durante varios meses. Nese senso, a popular lamenta a falta de concienciación que mostran os socialistas ao non considerar éste un servizo esencial a pesar das campañas de sensibilización que en contra da violencia de xénero se realizan dende o Concello.