PP e Cs votan en contra de dúas “subas brutais encubertas de taxas”

Xornada de pleno no Concello de Lugo e no que a corporación tiña que dar o visto e prace ás Ordenanzas Fiscais presentadas polo goberno local para o vindeiro ano. A pesares do apoio unánime á maioría das ordenanzas que xa presentara a rexedora días atrás, o Partido Popular negou o seu apoio a dous destes documentos que supoñían, nas súas verbas, “unha suba brutal encuberta de taxas”.

O encargado de darlle voz ao PP neste punto do pleno foi o seu vicevoceiro, Antonio Ameijide, que criticou a modificación das tarifas dos vados e pasaxes que presente facer o goberno local, igualando os prezos en todo o municipio. “É a primeira vez que vexo vender como un logro baixar os impostos ás zonas ricas e subir ás máis humildes”, criticou o popular.

O goberno, que optou por unificar as tarifas dos vados, respaldouse dicindo que non se trata dunha “suba encuberta” senón, efectivamente, dunha “suba de taxas” pero que “non tiñamos pensado facer, pero os xulgados requírenos que as subamos”. No tocante aos vados, a titular de economía no Concello, Paula Alvarellos, asegurou que o que fixeron foi “unificar os prezos” porque, argumentan, “a nós cóstanos o mesmo o rebaixe do vado na praza de España que na Avenida da Coruña; nós non imos ter máis ingresos no Concello”.

Os populares tamén votaron en contra da ordenanza reguladora das taxas por aproveitamentos especiais de vía pública por observar unha suba importante para a ocupación de andamios ou guindastres: “calculamos que no
caso dos andamios e grúas se incrementan no 317% nas rúas de primeira, mentres que en zonas máis humildes ascende ao 705%”.

O vicevoceiro popular indicou que “no PP non compartimos este criterio xa que, nestes momentos de crise, o lóxico sería colaborar co sector, fomentar as obras e rehabilitacións, non poñerlle trabas”. “O incremento nesta taxa é atacar á construción, emprendemento, comunidades, propietarios, familias … é atacar a Lugo”, resumía Ameijide.

Ameijide engadiu que “o mesmo están facendo en hostelería que, pola porta de atrás, suben o custe das terrazas incrementando dende un 87% ata un 500% colando un ataque pola porta de atrás directo á hostalería,
ainda que logo se afanan por dicir que os están a axudar”.

O popular finalizaba a súa intervención asegurando que “hoxe non era momento de conxelar as taxas, era o momento de baixalas. A situación económica do concello, permitíalles facer esta rebaixa”.

A este respecto, Alvarellos quixo exemplificar os prezos que supoñen para os guindastres a ocupación das rúas: “por unha grúa na Praza Maior de Lugo se liquidaba 89,32 euros ao mes; ter unha grúa na Praza Maior é máis barato que unha nave, así temos os problemas que temos. En Ourense, a mesma grúa na zona centro supera os 400 euros. En canto ás terrazas, na praza maior pagan ao día 7 euros, dígame vostede se estamos esquilmando a certos sectores como o da hostalería con estas taxas”.

Pola súa banda, a voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, tildou de “ineficaz” a modificación das ordenanzas presentadas polo Goberno local. Así a edil da formación laranxa explicaba que “neste caso, sendo un concello con recursos suficientes coa posibilidade de permitirse un ano cunha merma dos ingresos municipais, defendemos que é o momento de presentar unha modificación fiscal acorde á situación económica actual”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com