PP e Lugonovo critican a “opacidade” do Goberno local na polémica das casetas do San Froilán

Os grupos municipais do Partido Popular e de Lugonovo acusan ao Goberno local de actuar con “opacidade” e de “falta de transparencia” logo de que esta mañá a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, non asistira á Comisión de Festas do San Froilán para informar da xuntanza que onte mantiña con Javier Irimia, principal adxudicatario das casetas e os caldeiros do polbo do San Froilán.

Por unha banda, a concelleira popular Encarna Amigo, cualificou “de fraude aos veciños” este feito e sinalou que “é unha tomadura de pelo que adianten unha convocatoria e logo nin comparece a alcaldesa, que é a presidenta da Comisión, nin a concelleira responsable e o propio voceiro socialista non é quen de aclarar o que se acordou na reunión celebrada nas últimas horas por Lara Méndez e o adxudicatario das casetas”. De feito os populares solicitaron “que constase en acta a ausencia e a negativa da Lara Méndez a dar explicacións do que se tratou neste encontro”.

Pola súa banda, dende Lugonovo, Santiago Fernández Rocha cualifica de “miopía política” a reacción do Goberno e cre que “a falta de transparencia e de información oficial foron as que propiciaron as especulacións en torno ao procedemento”.

“Esta mañá, comparece na Comisión de Festas a concelleira de Cultura que di non saber nada do contido da reunión que onte mantivo a alcaldesa co empresario titular da concesión porque, inexplicablemente, non estivo presente. E pola súa banda, a rexedora nin está nin se lle espera pero manda recado polo portavoz municipal, de que xa dará esas explicacións se lle parece procedente e cando estime oportuno. Dende logo, resulta lamentable asistir a este espectáculo onde, dependendo de cómo conveña, os membros do executivo poden relevarse de competencias e funcións. Con estes méritos as festas do San Froilán están ás portas de cambiar á categoría de circo”, denuncia Santiago Fernández Rocha.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com