Lugonovo exíxelle ao Goberno local que “respecte o seu acordo” e inicie a negociación cos sindicatos para a redacción dunha nova Relación de Postos de Traballo antes de que remate novembro. Segundo o voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha, “existe un compromiso que o executivo debe cumprir”, polo que aclaran que “non van agardar” a que pospoñan medio ano máis a resolución dun asunto “que resulta prioritario para o funcionamento municipal”.
Fernández Rocha sinala que “o acontecido coa Escola de Música pon de manifesto a urxencia de rematar o proceso dunha vez por todas”. “Sen embargo, a présa por atender esta cuestión non pode motivar unicamente unha revisión parcial do documento, senón que debe dar pé á súa finalización global que leva anos e anos atascada, causando un gravísimo prexuizo a esta administración”, engade.
No mesmo sentido, o PP no Concello de Lugo detallou que o pasado venres rexistraron unha proposición para que, antes da aprobación dos orzamentos municipais de 2017, o Concello dispoña dunha RPT actualizada que regularice a situación irregular de máis de 100 postos de traballo. Nesa liña, o vicevoceiro popular Antonio Ameijide insistiu en que “a vixente, de 2006, non se axusta á realidade actual do Concello”, posto que existen traballadores que ocupan postos que non figuran na RPT, “advertencia que sistematicamente fai o interventor municipal”, mentres que outros postos que si se recollen neste documento non están cubertos.
A este respecto, Ameijide apelou á conveniencia de reasignar efectivos para redistribuílos tendo en conta o volume de traballo que teñen. O popular considerou ademais “un escándalo” que “a nova directora xeral de persoal, nomeada hai catro meses, se desentenda agora desta actualización, cando segundo o goberno, era un dos principais cometidos e unha das prioridades polas que se contrataba esta persoa”.