O Grupo Provincial do PP presentará unha pregunta no Pleno da Deputación para coñecer os plans que o Goberno de Darío Campos ten para rehabilitar o pazo mindoniense de Bon Aire, situado xunto á igrexa parroquial de Masma, unha vez que está a piques de rematar o convenio para a súa cesión co Bispado, o seu propietario.
Os populares precisan que a infraestrutura leva anos completamente abandonada e presenta un estado ruinoso, o que dificulta que poida dárselle uso. Indican, ademais, que o convenio asinado no seu día entre a Deputación e o Bispado establece que o edificio ten que volver ao seu propietario no seu estado primitivo. Sendo así, a Deputación tería que intervir e acometer a súa recuperación antes da súa entrega.
Desde o Grupo Provincial do PP agardan que o Goberno do socialista Darío Campos conte cun plan e un calendario de actuacións de cara a recuperar e rehabilitar este pazo, emblemático na cidade de Mondoñedo. De non ser así, os populares converterán a súa pregunta nun rogo para que a Deputación actúe á maior brevidade posible no inmoble de cara á súa recuperación.