O Grupo Provincial do PP presentará unha iniciativa para o seu debate no vindeiro Pleno que celebre a Corporación provincial para pedirlle ao Goberno do PSOE que se posicione respecto ao proceso de selección do persoal de Suplusa destinado a atender as residencias de maiores, paralizado desde o ano 2015.
Os populares insisten nesta petición logo de que os propios traballadores que pasaron o proceso selectivo -constituídos en plataforma- demandaran explicacións á Deputación, así como unha solución que lles permita ocupar os postos para os que foron seleccionados hai xa máis de dous anos. A selección da plantilla para as residencias da Deputación fíxose no ano 2015 no que se convocaron prazas de gobernanza, traballador social, técnico, oficial de mantemento, xerocultor, cociñeiro, condutor e limpador.
Inscrición no RUEPSS
Ademais de interesarse polo futuro destes profesionais, desde o PP piden explicacións tamén sobre o motivo polo que a Deputación non formalizou a inscrición da entidade no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), pese a ser o paso previo e imprescindible para que a apertura das residencias poida ser efectiva. Desde o PP reclamarán axilidade ante a parálise na que o PSOE mantén á Sociedade Urbanística e ante a falta de resposta aos traballadores seleccionados para cubrir as prazas nas residencias
Un engano aos traballadores e aos maiores
Os populares amosan a súa fonda preocupación tanto pola ineficacia que está a mostrar o Goberno socialista como pola situación dos traballadores que están á espera dunha praza para traballar e nada saben. “Lamentamos que sigan a xogar coas persoas e co seu medio de vida creando falsas expectativas cando estabamos ás portas dunhas eleccións, o que demostrou ser un engano”, replican desde o PP.