O PP pedirá un órgano independente para resolver recursos en materia de contratación

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, anunciou que o seu grupo levará ao vindeiro pleno unha proposta relativa á creación dun órgano independente para a resolución dos recursos especiais en materia de contratación. Ameijide pon de manifesto a importancia de crear este órgano xa que o Concello de Lugo ten moitos servizos externalizados cos contratos caducados e, nos vindeiros meses, “debería abrirse unha etapa dun gran volume de traballo en materia de contratación” polo que a creación deste órgano independente “permitiría axilizar a resolución dos concursos e gañar tempo”. O popular puxo como exemplo o transporte público, que se dilata a tramitación porque se tarde en resolver os recursos.

O voceiro popular afirma que a nova Lei de Contratos do Sector Público, que entrará en vigor o 9 de marzo deste ano, mantén o recurso especial en materia de contratación, establecendo, ademais, que os municipios de gran poboación poderán crear un órgano especializado e funcionalmente independente que ostentará a competencia para resolver os recursos.

Para o popular, o Concello de Lugo “ten un problema” en todo o referente á materia de contratación, polo que “agora que a lei nos da unha ferramenta para axilizar este proceso, hai que atallar este problema”. Ameijide recorda “a gran cantidade” de contratos caducados que ten o Concello de Lugo, como o de recollida do lixo, o do guindastre, mantemento de zonas verdes ou xestión do ciclo da auga, iluminación, museos, entre outros moitos, que, no ano 2017, supuxeron máis de 20 millóns de euros en pagos con reparos de legalidade.

Antonio Ameijide destaca que a lei desvincula a posibilidade de interpoñer o recurso especial do carácter de contratos suxeitos a regulación harmonizada e rebaixa os umbrais dos cales é posible utilizar esta vía, desta forma poderán ser obxecto do citado recurso os contratos de obras, concesións de obras e de servizos cuxo valor estimado supere os tres millóns de euros, e os contratos de servizos e subministros cuxo valor supere os cen mil euros, estando dentro deste grupo gran parte dos que están pendentes, ampliando tamén as formas contractuais así como o ámbito de actuación, como pode suceder coas modificacións.

Ademais, o popular engade que “o recurso especial en materia de contratación exerce unha función de control e garantía da legalidade nos procesos de licitación”, o que serve como un mecanismo óptimo para a revisión dos actos administrativos vencellados á licitación e á adxudicación dos contratos, motivo polo que “dende o Grupo Popular entendemos que o Concello de Lugo ten que contar cun órgano especializado e autónomo para a resolución de recursos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com