O PP pide acondicionar dotacións próximas ao Miño en Conturiz

O Grupo Popular solicita ao goberno local que faga as xestións oportunas para acondicionar a área recreativa do Vilar en Conturiz así como a súa sinalización. O voceiro popular, Antonio Ameijide, acompañado polos compañeiros do Grupo mantiveron unha xuntanza con veciños desta parroquia para escoitar as súas demandas e peticións como a reclamación para que se recupere esta zona de lecer situada ao pé do paseo do Miño que cruza a parroquia.

A deputación, no seu día, instalou, bancos e mesas de canteiría e as parrillas para este espazo pero, dende hai anos, ninguén se preocupa de facer un mínimo mantemento” resumiu Ameijide. “Os bancos e parrillas están esnaquizados, faltan treitos de vallas e a maleza invade parte do recinto” matizou o popular.

O Partido Popular aproveitando esta visita reclamou ao goberno local a que inste á Deputación a facer unha revisión profunda do paseo do Miño, con especial atención ao tramo situado entre a ponte do Chamoso e a illa de Burneiros que “está intransitable”.

Así mesmo os populares reclaman que se coloque unha nova baranda de protección na ponte que comunica esta illa co paseo xa que “faltan varios tramos nunha das pontes o que supón un perigo para os usuarios que se acheguen ata este punto”. O Grupo Municipal considera que “o arranxo destes elementos é unha cuestión máis de vontade política que de cartos” concluíu.

Outro punto do Paseo do Miño que provoca queixas aos usuarios é o treito que está á altura do balneario onde “o pavimento está desfeito e supón un risco para os deportistas ou veciños que o utilizan”.

Por último e ligado ao estado deste Paseo fluvial os populares lamentan “o retraso por parte do goberno local en contestar á petición para colocar ao longo deste Paseo fontes e puntos de lavado de bicicletas”.     Ameijide suxeriu que se estude a súa instalación en zonas como Conturiz, As Saamasas, a Ponte Romana, a confluencia do Miño e o Rato e o entorno do Monte Segade, entre outros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com