O Grupo Provincial do Partido Popular pídelle á Deputación de Lugo que fixe de maneira urxente os prezos por praza dos centros de atención á terceira idade acordes co fin do servizo social que prestan -baseados nos pertinentes informes técnicos- de cara a avanzar na súa pronta apertura. Os populares demandan esta actuación despois de que o consello de administración de Suplusa dera hoxe luz verde á primeira residencia, a de Castroverde.
Solicitan ademais que se convoque a unha reunión ás persoas seleccionadas para traballar nos centros de maiores e que se abra unha inscrición de usuarios interesados.
Os populares recordan que tiveron que recorrer á Xustiza para chegar á situación de hoxe, defendendo un cambio na modificación estatutaria de Suplusa que permitise a apertura das residencias na provincia, o que fai posible que hoxe o consello de administración da entidade valide a posta en marcha do centro de Castroverde. “Se hoxe celebramos esta apertura é grazas ao traballo que ten feito o PP, pese aos paus nas rodas que puxeron os socialistas ao longo destes anos”.