O voceiro do Grupo Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, propuxo esta fin de semana que o tramo de Quiroga Ballesteros, na zona que linda coa traseira do Cuartel de San Fernando entre as rúa San Froilán e Bolaño Rivadeneira, se acondicione e urbanice como rúa peonil, asemade suxire que se cree nesta praza un parque infantil que servirá, asegura, como reclamo para revitalizar esta zona.
Antonio Ameijide propón que se acondicione unha gran praza pública “urbanizando como plataforma única” a traseira do cuartel de San Fernando e suxire instalar neste espazo un parque infantil “esta dotación serviría como reclamo para revitalizar as rúas Amor Meilán e San Froilán” subliñando que esta dotación tamén beneficiaría ao Colexio que hai nas inmediacións. Ameijide explicou que dentro do casco histórico só hai dous parques infantis (Campo Castelo e O Cantiño) o que xustificaría este equipamento. O obxectivo é crear neste enclave unha zona de coexistencia na que “o peón gañe en comodidade e seguridade e á vez revitalizar o comercio e a vida da zona”.
Para os populares “esta proposta é perfectamente asumible” e suxiren que se aborde xa de forma inmediata para dar unha visión de conxunto e evitar os parches urbanísticos que caracterizan aos equipos socialistas”.
Mobiliario urbano artítisco
Tamén de embelecer a cidade falaba esta mañá a edil popular Encarna Amigo, quen propuxo que o goberno local convenie coa Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón para facer máis bonito o mobiliario urbano. A popular afirma que “a cultura das cidades maniféstase na forma de embelecer o espazo público” e, nese senso, salientou a súa preocupación polos criterios arbitrarios cos que o goberno local selecciona o mobiliario urbano en Lugo. Para evitar “que sexa o concelleiro de turno o que elixa o look do mobiliario urbano” propón que se impulse un convenio coa Escola de Arte Ramón Falcón que contemple entre outras cuestións promover un concurso de ideas “cada ano podemos centrarnos nunha peza concreta, ou focalizar os esforzos no mobiliario dunha espazo concreto para adaptar o seu deseño ao entorno no que se ubique”.