O Partido Popular da Provincia de Lugo celebra a inscrición de SUPLUSA no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), “demostrándose así que este Grupo tiña razón cando comezou a impulsar a modificación dos estatutos”, afirmou a súa voceira, Elena Candia. E é que este cambio regulamentario foi decisivo para que este proceso se puidese levar a cabo, así como para que a Deputación, a través desta Sociedade, poida abrir as residencias que ten proxectadas na provincia.
A notificación desta inscrición prodúcese logo de que o PP lograse o mes pasado que o Consello de Administración de SUPLUSA acordase iniciar a tramitación do expediente correspondente para tal fin e do cambio na presidencia de SUPLUSA, que tamén veu motivada pola referida modificación estatutaria.
Por tanto, foi a partires de que Darío Campos deixara a presidencia, cando se puido avanzar neste proceso. Esta cuestión leva aos populares a valorar positivamente a substitución do actual presidente da Deputación polo vicepresidente primeiro, así como a concluír que, dado o suceder dos últimos feitos, se pon de relevo que o titular provincial “non quería a modificación dos estatutos e, en consecuencia, abrir os centros que están en condicións de comezar a ofrecer o servizo para o que foron construídos”. Precisamente, esta parálise e os continuos enredos por parte de Campos levou incluso aos populares a ter que defender a súa postura xudicialmente.
“Parece mentira que fose necesario para poder avanzar respaldar o asunto na vía xudicial e incluso que o Grupo Socialista, que gobernou durante anos a Sociedade, aceptase respectar os dereitos dos traballadores de SUPLUSA. Grazas á presión do Partido Popular e ás iniciativas que levamos a cabo por fin se puxeron en marcha as directrices que garantirán a posta en marcha das residencias e velar polos dereitos dos traballadores”, remarca Elena Candia.
A este respecto, tamén se pon de manifesto que os feitos deixan claro que o único interese que movía aos socialistas era “estar na Sociedade para torpedear o seu funcionamento e que só lles interesou este proxecto para facer política, pois claramente se pode concluír que nunca tiveron intención de abrir as residencias”, sinala a voceira do PP no organismo provincial e membro do Consello de Administración de SUPLUSA.