O Grupo Provincial do Partido Popular lamenta que os socialistas da Deputación rexeiten crear unha comisión
de seguimento para o cumprimento do período medio de pagamento a provedores (PMP) por parte da administración que preside o socialista Darío Campos.
O PP defendeu que se trataba dunha “proposta construtiva” ao tempo que felicitaron aos traballadores públicos polo labor que desenvolven á fronte da institución. “Se algo falla é a xestión política que cremos manifestamente mellorable”, explicou o deputado Demetrio Salgueiro. Os populares agradecen o esforzo que a Deputación sostén que está a levar a cabo, pero recordaron que os datos do Ministerio de Facenda e Función Pública reflicten que a administración lucense foi a que máis tardou en pagar de España no primeiro trimestre deste ano.
Así, desde o PP explicaron que, pese ás melloras indicadas pola deputada do PSOE, o Goberno provincial non se pode dar por satisfeito, posto que en abril de 2016 tamén se cumpriu co período medio depagamento e os meses posteriores volveuse a superar, sendo a Deputación peor pagadora do Estado.
Desde o PP defenderon a creación desta comisión “para non incorrer nos mesmos erros e que o Goberno provincial teña unha estabilidade e unhas cifras como teñen outras deputacións e non volver ser noticia por ser a peor pagadora de España”.
O deputado lamentou as palabras da alcaldesa de Trabada e responsable do departamento de Economía na Deputación de Lugo, Mayra Gómez, polas críticas veladas a outros compañeiros alcaldes.