O PP solicita que se reforce a Teleasistencia con dispositivos móbiles ou xeolocalizadores

O Grupo Provincial do PP pedirá mañá no Pleno, que dende a Deputación de Lugo se actualice e reforce o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria dotándoo de medidas complementarias como dispositivos móbiles e xeolocalizadores de persoas para ofrecer unha maior cobertura e calidade nas prestacións.

Os populares explican que na actualidade o Servizo de Teleasistencia presta unha atención integral, pero limitada no marco domiciliario aínda que as súas posibilidades son maiores, de feito, segundo engaden dende o Grupo Popular, algunhas administracións están a facer uso de modalidades complementarias como dispositivos móbiles ou de localización GPS de persoas “que melloran a rendibilidade do servizo e favorecen a seguridade e tranquilidade dos seus usuarios”.

Estas modalidades complementarias á prestación integral que ofrece na actualidade o Servizo de Teleasistencia da Deputación de Lugo permitirían lanzar unha sinal de alarma estando o usuario fóra do domicilio ou contar cun dispositivo xeolocalizador que permitiría coñecer o emprazamento da persoa cando fose preciso por razóns de seguridade ou emerxencia. Estes sistemas de localización, que poderían colocarse ben no corpo, a través dunha pulseira, ou ben na roupa, “posibilitan darlle unha maior tranquilidade ás familias, ademais de que se garantiría que os maiores puidesen continuar residindo nos seus propios domicilios”, defenden dende o Grupo Popular.

“Estamos ante unha proposta importante, de necesidade para moitas familias, que non requiriría dunha inversión considerable pero que si daría resposta á demanda de moitos usuarios e converteríase, polo tanto, nunha garantía para protexer ou dar cobertura a situacións de desorientación dos nosos maiores que xa se teñen dado na nosa provincia e que lamentablemente non tiveron un resultado bo”, consideran os populares.

Dende o PP precisan que mesmo se poden facer extensibles estas medidas aos futuros usuarios das residencias da Deputación. Na súa iniciativa plenaria, os populares tamén instan á Deputación de Lugo para que, en colaboración coa Xunta de Galicia e as corporacións locais da provincia de Lugo, cree un grupo de traballo para coordinar a prestación deste servizo de xeito  integral e particularmente, tendo en conta a implementación das medidas complementarias xa citadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com