A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, e o secretario xeral dos PPdeG, Miguel Tellado, participaron esta tarde na ofrenda floral que, con motivo da celebración do Día de Galicia, os populares realizaron ante o busto de Manuel Fraga Iribarne en Vilalba, a localidade natal do fundador do partido. Neste acto, Candia e Tellado estiveron acompañados do voceiro no Parlamento galego, Pedro Puy; o presidente nacional de Nuevas Generaciones, Diego Gago; e o alcalde da vila, Agustín Baamonde.
Durante a súa intervención, Elena Candia agradeceu á dirección do PPdeG que, nos actos de celebración do Día de Galicia, “o Partido tamén mirase a Vilalba porque lembrar a Fraga é lembrar a un político e a unha persoa a cal lle temos moitas cousas que agradecer. Foi o fundador do noso Partido, pero se por algo destacou foi pola súa legalidade, compromiso e traballo co PP e cos galegos, xa que, durante as catro lexislaturas, foi quen de transformar Galicia”. Neste senso, subliñou: “quédannos moitas mil primaveras máis para seguir lémbrandoo. Sempre estaremos en débeda cunha persoa tan traballadora e que é un exemplo no noso itinerario como políticos e como cidadáns”.
Pola súa banda, o número dous dos populares subliñou que “para o PPdeG, Galicia é a resposta a todas as preguntas” e lembrou que “os nosos predecesores inculcáronnos que os nosos esforzos sempre deben centrarse en mellorar a nosa terra e servir aos nosos veciños”.
O secretario xeral explicou que o galeguismo é o trazo ideolóxico diferencial do PPdeG, e definiuno como “a reivindicación dunha terra que ten a capacidade de ser próspera, de producir por si mesma e de adaptarse coma calquera aos novos tempos”, fronte aos que o entenden como “a reivindicación dun país que se reprega sobre si mesmo”. Neste mesmo sentido, convidou a que sexa entendido “desde a apertura ao exterior e a vontade de cooperación cos que están ao lado e cos que están lonxe”, e non “desde a confrontación ou o rexeitamento ao diferente”.
Sobre isto, destacou que “cremos humildemente que esta visión do país é compartida pola maioría dos galegos de hoxe, igual que foi compartida polos de décadas pasadas” que sempre respaldaron maioritariamente os proxectos que os populares lles propuxeron.