O concello de Lugo, a Deputación provincial e a asociación de veciños da Milagrosa poñerán en valor os produtos autóctonos e artesanais da provincia na XIX Feira de San Isidro da Milagrosa, que se celebrará na Praza Agro do Rolo esta fin de semana.
Nesta edición daranse cita máis de 120 expositores de Galicia, Portugal, Asturias, Zamora ou Estremadura e agárdase que se acheguen preto de 12.000 visitantes.
No acto de presentación, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez agradeceu o esforzo da asociación, tanto por organizar esta edición, como polas dezaoito anteriores, que fan posible a deste ano. Neste senso, destacou o crecemento desta feira, que pasou de acoller 20 postos no seu inicio aos 120 que van participar nesta edición, aos que hai que sumar entre os 25 e 30 que quedaron en lista de espera.
Isto “pon de manifesto a importancia da Feira de San Isidro a nivel local, provincial e autonómico, así como o feito de que exista demanda de produtores e artesáns de fóra de Galicia”. A rexedora definiu o certame como “un gran escaparate dun barrio activo, dinámico, senlleiro, acolledor, hospitalario e de boa xente”.