Premio Entre Mulleres para ás xornalistas Erika Reija e Ana Expósito e a traballadora social Branca Rodríguez

O Alcalde José López Orozco e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, presidiron o acto de entrega dos premios Entre Mulleres co que o Concello de Lugo conmemora o Dia Internacional da Muller e que se dedicou a tres mulleres que son exemplo polo traballo que desenvolven na defensa dos dereitos humanos a nivel internacional.

Na súa intervención López Orozco, felicitou as mulleres galardonadas das que dixo “que son o modelo de persoas que se entregan no seu traballo, na súa profesión e ideoloxía para defender os dereitos humanos, en concreto os dereitos das mulleres” e deulles as grazas polo traballo que realizan e “agardo que este acto sirva para que os lucenses nos vexamos retratados na vosa labor diaria”.

Pola súa parte, Ana González Abelleira, explicou que “hoxe conmemoramos o Dia da Muller e temos unha representación moi significativa que nos fai ver o mundo con ollos de igualdade pola loita e reivindicacións que fixestes e facedes co voso traballo”.

Ao acto tamén asistiu o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e membros do Corporación Municipal.

Nesta edición os galardóns foron para Ana Expósito Valle,  Erika Reija e Branca Rodríguez Pazos todas elas mulleres que dende os seus traballos loitan pola defensa dos dereitos humanos. As dúas primeiras, en especial, polas mulleres en conflictos bélicos e que son exemplo para o resto da cidadanía.

Ana Expósito é unha xornalista galega que leva 20 anos traballando na sección Internacional de Televisión de Galicia, tanto nos espazos diarios como en programas como Enfoques, Europa, O Semanal ou Reporteiros.

A súa primeira experiencia bélica foi en 1991 cubrindo a Guerra do Golfo á que seguiron os conflitos da ex Iugoslavia, Croacia, Bosnia, Kosovo, Ruanda e Zaire. É a única xornalista de España que ten o Premio Internacional de Xornalismo Actual concedido á mellor reportaxe de televisión realizada en situación de risco ou especial dificultade polo traballo Lento regreso a casa sobre a guerra en Zaire. Este mesmo reportaxe tamén tivo Premio Nacional de Xornalismo de Manos Unidas.

No ano 2002 foi galardoada co Premio Galicia de Comunicación no apartado de televisión polo seu traballo como enviada especial no conflito palestino-israelí e as inundacións en Alemaña. No 2003 foi homenaxeada pola BRILAT, sendo a primeira muller civil á que se lle outorgou o   título de Señora desta brigada, polas informacións dende zonas de guerra e conflito.

Ademais compaxina o xornalismo coa literatura infantil e xuvenil.

Érika Reija, xornalista lucense especializada en información internacional, no mundo árabe e reporteira de guerra. Comezou a súa carreira profesional no Progreso, na Televisión de Galicia e despois na axencia de noticias France Press. Foi enviada especial a paises en conflito como Afganistán, Libia e Ucrania, prestando sempre especial atención ás mulleres.

Entre as súas múltiples coberturas, destaca a caída de Mubarak en Exipto ou a de Gadafi en Libia, o rescate dos mineiros en Chile ou a chegada de Dilma Roussef á presidencia do Brasil no 2013. Durante o último ano fíxose cargo da corresponsalía de TVE en Moscú e viaxou ao este de Ucrania para cubrir o estalido do conflicto armando e o referendum separatista nesa rexión.

Tamén é autora do documetnal Generación Tsunami rodado en Tailandia e Indonesia que foi emitido este Nadal en Televisión Española con motivo do décimo aniversario do maremoto no sudeste asiático. É tamén autora do corto documental La Ola Negra, que se expón actualmente no Museo Nacional de Antropoloxía.

Branca Rodriguez Pazos, vive na parroquia de Adai en Lugo, e é Diplomada en Traballo Social, na actualidade xubilada como funcionaria da Xunta de Galicia. Participou activamente na Asociación Galega de Asistentes Sociais, formando parte da súa directiva e impulsora da creación do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social/Asistentes Sociais de Galicia, onde ocupou varios cargos, entre eles o de Presidenta. Destaca tamén a súa intensa actividade política e social dende mediados dos anos 70, sendo concelleira polo BNG na Concello de Lugo e responsable da área de Benestar Social entre 1999- 2003 e Delegada de Benestar Social da Xunta de Galicia no período 2005-2009.

É unha coñecedora profunda da realidade social de Lugo, é unha traballadora incansable na defensa do feminismo, da cultura e do idioma galego.

As tres homenaxeadas coincidiron en dedicar o premio ás mulleres que foron referentes para elas, nais, avoas e familiares, e que traballaron duro para poder ser o que hoxe en día representan. Ademais, as dúas xornalistas tiveron unha recordo especial neste dia para todas as mulleres que protagonizaron as súas reportaxes que viven en situación de conflicto bélico e que carecen de todos os dereitos básicos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com