Preocupación na CEL pola posible fusión de Sabadell-Gallego e BBVA

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL)ven de  manifestar a súa preocupación sobre o proceso de oferta pública de adquisición (OPA) hostil lanzado polo BBVA sobre o Banco Sabadell e a súa marca en Galicia Sabadell-Gallego, sumándose ao manifestado xa pola súa homóloga galega e outras organizacións empresariais en diferentes puntos do territorio nacional.

Poñendo por diante, como non podía ser doutro xeito, o seu total e absoluto respecto pola liberdade de empresa, considera que a fusión bancaria pode resultar negativa para o tecido empresarial lucense, conformado maioritariamente (en máis dun 99%) por pemes, micropemes e autónomos.

A CEL cre que “unha posible diminución de entidades financeiras en Galicia suporá reducir as fontes de financiamento para o sector empresarial da Comunidade, menos acceso a crédito e menor posibilidade de diversificar a súa pool bancario”.

Por todo isto, entende que, “en respecto á competencia e a posibilidade dunha maior oferta crediticia para as empresas lucenses, sería preferible que Banco Sabadell e BBVA continúen prestando os seus servizos por separado”.

Implantación en Galicia

A CEL subliña tamén o esforzo que o Banco Sabadell realizou para implantarse en Galicia, co desenvolvemento dunha actividade propia e especializada na Comunidade a través de Sabadell-Gallego e unha rede de oficinas repartidas pola maioría dos concellos galegos que prestan servizos de forma próxima aos cidadáns e pemes asentadas en cada territorio.

Lembra a asociación de empresarios, que nos últimos anos desapareceu máis dun 30% de oficinas bancarias en Galicia, nunha comunidade autónoma cunha ampla maioría de autónomos e microempresas, e cunha poboación envellecida, aos que unha fusión lles suporía unha nova redución de oficinas e de persoal. Insiste, por tanto, na conveniencia de que Banco Sabadell e BBVA manteñan a súa estrutura e funcionamento actual”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com