A Plataforma “Lugo… non perdas ou tren” está a seguir con preocupación as actuacións e plans de Renfe para a volta á normalidade na prestación de servizos ferroviarios de media e longa distancia en Galicia e de forma especial na provincia de Lugo.
Sabemos que a Pandemia obrigou a facer recortes en todos os medios de transporte e a manter distancias de seguridade, pero na maior parte dos casos, os servizos é requerible a súa volta á situación anterior á pandemia, Lugo… non perdas ou tren que mantén contacto co representante institucional de Renfe en Galicia, solicita a recuperación total dos servizos de Media Distancia entre A Coruña – Lugo e Ourense –Monforte – Lugo para os que continuamos solicitando o seu incremento e mesmo a súa coincidencia coa ligazón doutros trens nacionais tanto en Monforte como en Ourense e que se recuperen as paradas intermedias anuladas na provincia de Lugo, cumprindo ao contrato de servizos OSP de Decembro de 2018, con obrigacións como servizo público ata 2027.
Queremos que se recupere a venda presencial de billetes xa nas estacións da provincia, tanto de ancho normal como métrico. Queremos melloras substanciais nos trens que prestan o servizo Coruña – Barcelona (Tren Hotel) e que este funcione ao 100 % de novo, incluíndo servizos da fin de semana.
Como vimos demandando, queremos novos servizos entre Lugo – Ponferrada e León e co País Vasco, xa que hai moitos servizos que hoxe día non se están prestando. Transporte de mercadorías.
Queremos dunha vez por todas, ver planificada a liña Ferrol – Coruña por Lugo e Monforte, dentro da rede europea de transporte de mercadorías, onde se contemple unha xestión comercial e integradora da estación de mercadorías de Lugo. Temos múltiples estudos comparativos con outras localizacións deste país que demostran o pouco interese de Renfe na provincia de Lugo, a que foi no seu momento pioneira en Galicia.
E unha última apreciación a Renfe, como vimos sostendo Renfe debe de ter en conta como prioritario o SERVIZO PUBLICO e non os seus beneficios na súa planificación e ademais non aceptamos aquilo de que “para un servizo ten que haber viaxeiros, nós dicimos que para que haxa viaxeiros, ten que haber un servizo aceptable”. Lugo … non perdas ou tren non vai minorar a súa presión a todos os niveis ata lograr os seus obxectivos.
Comisión Executiva “Lugo non perdas ou Tren”