Preparado o dispositivo invernal da Deputación ante a previsión de nevaradas na montaña

A Deputación de Lugo ten preparado o seu dispositivo invernal para garantir a circulación e a seguridade nas estradas provinciais ante a previsión de nevaradas que a borrasca Barra deixará a partir deste martes e durante o mércores sobre todo nas zonas de montaña. O operativo da institución provincial mobiliza 112 operarios e un total de 50 máquinas e dispón ademais de 420 toneladas de sal de mina nos 12 silos que ten distribuídos por toda a provincia.

Nas zonas montañosas da provincia, onde segundo as previsións meteorolóxicas a situación será máis complicada pola neve, a Deputación reforza o seu operativo con dúas quitaneves. En concreto, as máquinas de reforzo servirán para asistir aos concellos da Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, O Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil.

Hoxe hai aviso laranxa por fortes rachas de vento na comarca da Mariña, en zonas altas e no interior da provincia. Cara ao final da xornada, agárdanse as primeiras neves a partir dos 900 metros. O mércores, as precipitacións en forma de neve continuarán na montaña ao longo de todo o día, aínda que a cota irá subindo desde os 800 metros ata os 1.200 previstos para a noite.

Dos 4.200 quilómetros de estradas, a metade están situados a máis de 600 metros de altitude sobre o nivel do mar, co que iso supón de maior incidencia das inclemencias meteorolóxicas.


Imaxe de arquivo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com