Preparados para vivir

Se en marzo pasado, cando nos pechamos, as miñas opinións foron monotemáticas arredor da pandemia, e logo se abriron fiestras físicas e anímicas, recuperamos a mirada exterior volvendo a aprender a vivir, case un ano despois, seguimos a velas vir. Non vai haber Entroido nin Semana Santa, e o xeito de xuntarnos é por vídeo-conferencia, tendo sobre a conciencia colectiva, por parcos que fósemos, que das alegrías do remate do ano veñen as novas agonías.

Lembro o comentario de Díaz Pardo nun Congreso en Lugo, que arremetía –el que ía para arquitecto se a guerra non lle coutase a posibilidade- contra as imitacións na edificación disfrazando materiais para que parecesen o que non eran… defendendo a pedra como pedra, a madeira por madeira, a lousa cal lousa. Pensei nel cando as autoridades de San Sebastián, non podendo celebrar a tradicional tamborrada festeira, pediron aos donostiarras que saísen cos seus tambores a fiestras e balcóns para, desde alí, proclamar que seguen vivos e con ganas de festa.

Teño amigos especialmente devotos da Semana Santa que o pasado ano, ao non poder saír, facían cos nenos pequenos desfiles domésticos para facer vivir aos máis novos o que os maiores non podíamos experimentar. Visto está que este ano teremos tamén que recorrer aos sucedáneos, conformándonos con seguir socialmente activos, con inauguracións, demostracións, presentacións sen público, confiando na difusión nos Medios informativos e nas redes sociais, sabendo que o sistema funciona porque a todos nos convén seguir vivos e en activo, para que a resurrección, cando proceda, nos colla preparados para vivir.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com