No encontro que tivo lugar na Delegación da Xunta en Lugo participaron o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación en funcións, Francisco Conde, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto co conselleiro delegado de Altri, Jose Soares, e a directora xeral da Sociedade Impulsa Galicia, Enyd López.
Desde o Goberno galego, considérase que este proxecto contribuirá á transformación industrial ao xerar valor en toda a cadea forestal galega, a través dun investimento de 800 millóns de euros e a previsión de crear máis de 2500 postos de traballo directos e indirectos.
Conde destacou que esta biofábrica encaixa no binomio industria-sustentabilidade porque responde aos criterios que marcou a Comisión Europea para o desenvolvemento dunha economía verde, e exemplifica a aposta pola colaboración público-privada para levar adiante os grandes proxectos cos que Galicia aspira aos fondos europeos. Neste sentido, reiterou a necesidade de que o Goberno central se implique xa que se trata dunha oportunidade na que todas as administracións deben poñer da súa parte.
No encontro explicouse que a localización da fábrica realizouse a partir dun proceso de avaliación de carácter técnico no que se estudaron 46 posibles emprazamentos tendo en conta diversos criterios como a dispoñibilidade dun recurso hídrico suficiente e constante; a dispoñibilidade de 150 hectáreas de terreo; unha orografía plana con posibilidade de ampliación; a compatibilidade coa normativa urbanística, patrimonial e medioambiental; a proximidade á madeira e a infraestruturas enerxéticas e de transporte, así como a distancia a núcleos de poboación cualificados.