A Vicepresidenta Segunda da Deputación en funcións, Lara Méndez, e o Alcalde en funcións de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega, presentaron este xoves nos xardíns do Pazo de San Marcos a XIII Festa da Cereixa e do Aceite, que acollerá esta fin de semana, 30 e 31 de maio, dito municipio.
O organismo provincial colabora un ano máis co Concello na celebración desta cita cunha achega económica de 3.000 euros. “Enmárcase na nosa aposta por potenciar a comercialización dos produtos autóctonos de calidade”, subliñou Méndez.
O certame ribasilense é de feito unha das máis de 50 actividades que teñen lugar nuns 40 Concellos lugueses que contan co financiamento da Deputación, grazas aos máis de 3,6 millóns de euros do Plan Estratéxico de Subvencións, dirixido a potenciar os principais sectores produtivos da provincia: agricultura, gandería, pesca, comercio, turismo ou artesanía.
A Vicepresidenta en funcións subliñou a estreita colaboración que se estableceu entre Deputación e Concello de Ribas de Sil para potenciar a comercialización tanto da cereixa, cuxas colleitas no municipio rondan todos os anos as 50 toneladas, como do aceite deste Concello.
“Esta cita é un acicate relevante para revitalizar a economía da Zona Sur da provincia, posto que non só xera riqueza os días da festa, senón que impulsa a actividade económica da zona de Ribas de Sil en torno aos produtos estrela do Concello, o aceite e a cereixa, onde unhas 500 hectáreas deste municipio están destinados ao cultivo de cereixos e olivos, o que supón un 80% da súa masa forestal. Respaldar este certame significa apostar polo noso: pola nosa cultura gastronómica, pola nosa tradición, polos nosos produtos autóctonos e pola nosa paisaxe”.
“En anteriores edicións acadouse un volume de negocio duns 13.000 euros, oportunidade que non podemos deixar escapar para revitalizar o sector e recuperar poboación para o rural”, sentenciou Méndez.
Pola súa banda, Sotuela agradeceu a colaboración da Deputación ao tempo que lembraba as actividades lúdico-fetivas da XIII edición desta festa. O Alcalde tamén quixo convidar a todos os interesados a visitar Ribas de Sil este fin de semana.
A Vicepresidenta en funcións tamén lembrou as iniciativas postas en marcha pola institución luguesa para promover os produtos autóctonos, tales como a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, “que conta hoxe con máis de 500 produtos e servizos que ofrecen máis de 150 empresas, entre elas varias precisamente que comercializan aceite”, sinalou Méndez.
A Vicepresidenta Segunda en funcións aproveitou para animar ás firmas dedicadas a este sector a sumarse de xeito gratuíto a este portal de venda electrónica. Neste senso, a institución luguesa creou tamén a marca de calidade LugoSabe, que reforza o coñecemento dos produtos autóctonos.
No evento gastronómico desta fin de semana, que terá lugar na praia fluvial de San Clodio, participarán 30 expositores, que porán á venda unhas 2 toneladas de cereixas e uns 500 litros de aceite. Nos stands tamén estarán dispoñibles outros produtos típcios da Comarca, como mel, licores ou queixos.
Durante as dúas xornadas, pola mañá haberá pasarúas e degustación de cereixas. O sábado 30 de maio, ás 19:30 horas disputarase o VII Trofeo da Cereixa, e ás 21:00 horas terá lugar o pregón, que este ano corre a cargo de Lara Méndez.
A III Concentración de Coches Clásicos e o Festival Folclórico Musical, a cargo do grupo de gaitas e pandereteiras da escola de música do municipio, así como unha demostración de artesanía en madeiro de olivo e un taller de maxia son outras das actividades que contempla o programa desta festa que exalta o aceite e a cereixa de Ribas de Sil, recoñecidos pola súa calidade e o seu sabor.