Na sala de exposicións da Delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo vén de presentarse a mostra 50 ANOS DO BELÉN DE
BEGONTE (1972-2022), proxectada polo Colectivo Egeria e o Centro Cultural José Domínguez Guizán (impulsor do Belén de Begonte), e que resume a vida e actividade deste Belén electrónico que a Xunta declarou en 2014 “de interese turístico galego”.
A exposición, apoiada pola Xunta de Galicia e o Concello de Begonte, foi presentada polo Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz; a Xefa provincial de Cultura, María José Gómez Rodríguez; o Alcalde de Begonte, José Ulla Rocha, e o Presidente do Colectivo Egeria e vicepresidente do Centro cultural begontino, Xulio Xiz. Estaban acompañados pola familia de José Rodríguez Varela, creador do Belén: a viúva, Pilar Gómez e os fillos Pilar e José Rodríguez Gómez, e o membro do xurado do Certame de Arte, Gonzalo Sánchez Folgueira, Zalo.
Entre os numerosos asistentes estaban fotógrafos do Grupo Fonmiñá, colaboradores na exposición, directivos de diversas asociacións culturais e sociais, premiados nos certames de arte, poesía e xornalismo, e persoas colaboradoras e amigas do Belén begontino.