Esta mañá tivo lugar a presentación da II Ruta Cicloturista dos Lobos, que reunirá este sábado a 310 participantes de toda Galicia, Asturias e León.
O deputado provincial Álvaro Santos anunciou que “un equipo formado por profesionais, bolseiros e alumnos da Escola de Imaxe e Son, cubrirán en motocicleta todo o que aconteza na ruta, e tamén elaborarán un DVD e reportaxes para a súa difusión nas redes sociais e en varios medios de comunicación. Os 45 quilómetros e 6 horas de percorrido desta edición, converten a esta proba da Fonsagrada nunha das máis esixentes de toda España para os afeccionados á bicicleta de montaña.
A segunda Ruta Cicloturista dos Lobos sairá ás once e cuarto da Praza do Concello da Fonsagrada e rematará sobre as oito da tarde no Polideportivo Municipal, cunha cea multitudinaria. Os ciclistas e acompañantes que así o teñan solicitado, durmirán na Escola Fogar, que estará habilitada con liteiras para a ocasión e permitirá pernoctar a unhas 130 persoas.
Este ano, a proba percorre as Terras de Burón, pertencentes á Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras do Burón, ata chegar ao Castañeiral de Gallol, un balcón natural da cunca alta do río Rodil, afluente do Eo de gran beleza paisaxística.
O prezo para participar é de 28 euros. Os interesados teñen información completa na web deportes@fonsagrada.org.