Presentación da pogramación do Entroido 2025

O Tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron esta mañá a programación do Entroido 2025, que inclúe 18 actividades destinadas a todos os públicos.
O Pregón do Entroido, que marca o inicio oficial das celebracións, terá lugar o venres 28 de febreiro ás 20:00 horas na Praza Maior, e estará a cargo da recoñecida música Branca Villares. O evento contará con gradas para mellorar a visibilidade, unha pantalla xigante e unha carpa en caso de choiva. A festa continuará coa música en directo de Condensadores de Fluzo, e a partir das 21:30 horas, o recinto histórico vibrará cos sons da charanga Os Chafalleiros e da Batukada Escándalo de Sons.As actividades comezarán o 19 de febreiro cunha charla no Vello Cárcere ás 20:00 horas titulada “O Enterro da Sardiña de Marín. Un enterro singular e único. Festa de interese turístico de Galicia”, impartida por Celso Méndez Fraguas, presidente do Ateneo Santa Cecilia de Marín.

O Centrad de Lugo será o escenario das Xornadas sobre o Entroido da Tradescola, que comezará o venres 21 ás 19:00 horas, co faladoiro “O Entroido en Lugo: cidade e provincia – Faladoiro e memorias de entroidar”, onde se fará un percorrido polas tradicións desta festa na provincia e se convidará á veciñanza a compartir as súas lembranzas e costumes de Entroido. O sábado 22, Xabier Iglesias impartirá un obradoiro de “Danzas de Entroido” (11:00-12:15 horas), seguido dun obradoiro práctico de tradición oral sobre composicións satíricas e a transgresión (12:30-13:45 horas), onde se explorarán pezas tradicionais como o Testamento do Burro e o Xuízo de Entroido, ofrecendo pautas para a creación de novas composicións actualizadas.

O xoves 27 de febreiro, o Mercado Municipal de Lugo acollerá o espectáculo “Fíos do Querer” de Cé Orquesta Fantasma, a partir das 17:30 horas, nunha tarde de música e ambiente festivo.

A III Festa da Filloa volverá celebrarse o sábado 1 de marzo na rúa Quiroga Ballesteros, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, acompañada de actuacións musicais que animarán a xornada. Ese mesmo día, ás 12:30 horas, a Praza Maior acollerá o espectáculo “AUCHH!” de Abraham Arzate, como antesala do Desfile Infantil de Disfraces, que terá lugar ás 17:00 horas. O concurso contará coa animación musical de Tambukda e o espectáculo de malabares “Malabarabilidades” de Fran Boza. A festa continuará pola noite, a partir das 20:30 horas, coa animación de Tambukda polo recinto histórico.

O domingo 2 de marzo, a Praza Maior será de novo o epicentro das celebracións co espectáculo infantil “Consertasso na Horta” de Brais das Hortas, ás 12:30 horas. Pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase a Gala de Circo Introitos, que contará coa participación de artistas como Pakolas, Marta Sempre Arriba, Henriko e Martilda, baixo a presentación de Carmen Conde.

O luns 3 de marzo, a música volverá tomar as rúas co Bloco Meigallo, que percorrerá o recinto histórico a partir das 21:30 horas, levando o ritmo do Entroido pola cidade.

O día grande do Entroido, o martes 4 de marzo, comezará ás 12:30 horas na Praza Maior co espectáculo “Lullaby” de Proyecto Kavauri. Pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar o esperado Desfile de Disfraces para adultos, tamén na Praza Maior, acompañado da música de Tambukda.

As bases dos concursos de disfraces, tanto infantil como de adultos, publicaranse nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia (BOP), onde se detallarán os requisitos de participación, categorías e premios.

O mércores 5 de marzo, Lugo despedirá o Entroido 2025 co tradicional Enterro da Sardiña e o 20º Concurso de Ferretes. A comitiva sairá ás 20:00 horas desde o Círculo das Artes, e contará coa colaboración dos Estoupacaldeiros e as actuacións da Charanga CDV Band e o Orfeón Xoán Montes, poñendo o broche final a unha semana chea de tradición, música e alegría.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com