Hoxe tivo lugar na Delegación da Xunta en Lugo, a presentación da terceira edición de Turislab á que asistiron emprendedores do sector turístico de Lugo, os cales foron invitados a participar nesta aceleradora de empresas liderada polo Goberno Galego que axuda a materializar ideas innovadoras ofrecendo aos promotores formación, asesoramento e recursos.
A iniciativa está promovida por Turismo de Galicia coa colaboración da Cámara de Comercio de Pontevedra Vigo e Vilagarcía de Arousa e, por primeira vez, da Comunidade Intermunicipal Alto Minho de Portugal, estendendo así o ámbito territorial da convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 26 de decembro.
Inicialmente seleccionaranse 15 proxectos para os talleres formativos dun mes de duración, 12 dos cales pasarán á fase da academia, onde se lles proporcionará un mentor principal e dous expertos a cada un, ademais de acceso a sesións de coworking, reunións con empresas tractoras, instalacións e os servizos adicionais que precisen. Esta fase prolongarase aproximadamente ata o verán e dela sairán as catro startups gañadoras, que poderán optar a diferentes apoios de Turismo de Galicia (subvencións directas, estudo de viabilidade de proxecto, axuda para a constitución da empresa, etc.).
O programa diríxese a emprendedores que estean desenvolvemento un proxecto de innovación turística vinculado a Galicia ou ao norte de Portugal, ou a empresas xa constituídas con non máis de dous anos de actividade. As bases poden consultarse na web www.turislab.gal.