O vindeiro 1 de agosto celebrarase a XII Festa do Percebe, en Rinlo, un evento presentado esta mañá, e no que poranse á venda arredor de 700 quilos de percebe, a 13 euros a ración (de 250 gramos). O Concello coorganiza a festa xunto coa confraría de pescadores.
O rexedor, Fernando Suárez, subliñou que “por décimo segunda vez estamos aquí nesta iniciativa inventada hai algún tempo, igual que o Ribadeo Indiano e que outras tantas cousas, pero aquelas que se crean e que funcionan ben hai que seguir traballando nelas. Se cadra ao principio o Concello dirixiu a Festa do Percebe durante aqueles primeiros anos, pero xa desde bastante tempo atrás estámola coorganizando coa confraría de pescadores de Ribadeo, concretamente coa sección de mariscadoras e mariscadores”.
Suárez Barcia subliñou que “esta é un festa de Rinlo para o mundo, igual que estamos tan de actualidade con Ribadeo para o mundo, que brilla con luz propia, Rinlo, esta parroquia de Ribadeo cunha personalidade se cadra diferenciada e que os rinlegos e as rinlegas están moi orgullosas de seguir levando así. Sabemos que a día de hoxe hai máis percebeiros e percebeiras que se viñeron incorporando que, aínda non sendo de Rinlo, son como os xogadores dun equipo que defenden as cores da camiseta aínda que non sexan orixinarios desa parroquia”.