Presentación da XXXIII Feira do Bonito de Burela e productos ecolóxicos Produart

O barco museo “Reina del Carmen” acolleu esta mañá a presentación da XXXIII Feira do Bonito de Burela, que terá lugar o día 1 de agosto, organizada una ano máis pola Sociedade Cultural Ledicia e coa que colabora o Concello de Burela. Paralelamente, entre o 31 de xullo e o 2 de agosto celebrarase na nave de redes a feira de produtos artesanais e ecolóxicos Produart, que chega á súa décimo terceira edición. Agárdanse máis de 60 expositores, segundo deu a coñecer este mediodía o alcalde, Alfredo Llano.

Na XXXIII Feira do Bonito consumiranse 2.800 quilos de bonito, cocido, asado e en empanada a un prezo de 8 euros por ración. O bonito comezará a servirse ás 14 horas, xusto despois do pregón. Á feira sumaranse as propostas gastronómicas dos restaurantes da localidade entre o 31 de xullo de o 2 de agosto, que terán o bonito e as súas distintas receitas como protagonistas.

O rexedor de Burela, presentou os dous eventos como unha maneira de impulsar un sector clave na economía burelense. “Paralelamente celebramos os dous acontecementos, que son moi importantes para Burela, Produart coa Feira do Bonito e a Feira do Bonito con Produart. A Feira do Bonito representa perfectamente o que é o noso municipio. A pesca do bonito é algo tradicional que se fixo sempre, houbo costeiras extraordinarias dende hai moito tempo, o bonito é un peixe de referencia en Burela.

Estamos dando produto a toda España, pescado da mellor maneira posible, artesanalmente, tal e como vimos facendo dende sempre, o que da unha garantía, calidade e perfección. En palabras de  Alfredo Llano “tratamos de promover, dar a coñecer e degustar o bonito a toda a xente que queira achegarse a Burela o 1 de agosto, coa intención de que saian contentos, de que coñezan as diferentes formas de preparar o príncipe azul.

“Nesta edición non soamente imos repartir bonito en bandexa a través da asociación Ledicia o día 1, senón que todos os restaurantes están de acordo en preparar diferentes receitas de bonito durante o venres, o sábado e incluso o domingo. Así que a Feira do Bonito é moi importante o día 1, pero imos completala con actividades o venres e o sábado pola mañá”.

“Ademais dos restaurantes, imos traer unha baixada de carrilanas pola rúa principal ata o porto. Tamén se vai traer unha actuación musical, a de Paula Rojo. Teremos xogos o sábado e verbena ese día á noite despois de xantar o bonito repartido entre a clientela que acuda. Isto é importante para a nosa economía, para dicirlle á xente que a nosa economía depende moito do produto que se está pescando, do bonito, e tamén queremos a través deste medio ensinar como debe ser e acoller á xente que queira participar, que estea asentada na comarca, en Asturias ou en toda a provincia de Lugo que veña aquí a pasalo ben ese día porque seguro que vai ter un bo recordo”.

Con respecto a Produart, o alcalde subliñou a calidade dos expositores, preto de 70 se darán cita nesta décimo terceira edición. “Trátase de expoñer produtos que sexan bos para a saúde, bos de producir, sostibles para o medio ambiente. Vai haber produtos ecolóxicos de diferentes fórmulas alimentarias, pero tamén haberá artesanía e produtos para empregar tanto na vivenda como en xardíns, todo considerado mediaombientalmente sostible. É unha forma de dar a coñecer artigos que son respectuosos co medio ambiente e que encima aforran enerxía e abaratan o recibo da luz todos os meses”.

No Produart haberá queixos, viños, doces, embutidos, comercio xusto, aceites, algas, conservas, cremas e xabóns, coiro, prata, cerámica, teares, roupa ecolóxica, etc… así como enerxías alternativas.

Alfredo Llano engadiu que “dunha maneira ou doutra van encher o recinto feiral que vai estar no local da nave de redes. A feira vai estar aberta tres días. Inaugurarase o venres pola tarde e despois vai estar aberta ese mesmo venres, o sábado todo o día e o domingo pola mañá”. E animou “a toda a xente que queira participar, contribuír, ver e mercar algo que realmente mereza a pena que se achegue a Produart”.

A feira dos produtos artesanais e ecolóxicos ocupará unha superficie de 2.000 metros cadrados. Produart abrirá as portas o 31 de xullo ás 17:30 horas e a inauguración será ás 19 horas. Correrá a cargo do alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, fundación organizadora do Produart.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com