Mañá, xoves, ás oito do serán, no Centro Ramón Piñeiro, de Santiago de Compostela (San Roque, 2), vaise presentar a publicación , As Razóns do Galeguismo Autonomista, baseada nunha conferencia-mitin de Filgueira Valverde, a través da emisora Radio Lugo, o 18 de xuño de 1936 e en Pontevedra.
Os autores desta obra son os lucenses Manuel Regueiro Tenreiro (Catedrático xubilado de Filosofía) e Fernando Regueiro Pérez (Graduado en ADE) que pescudaron no Museo de Pontevedra (Arquivo Filgueira Valverde) e, despois de transcribir e estudiar o manuscrito, completaron a publicación cunha contextualización do texto que foi radiado (18 de xuño do 1936 ) un mes antes do comezo da guerra civil.
Na presentación, que será presidida polo Secretario Xeral de Política Lingüística,Valentín García Gómez, intervirán Manuel González e Xesús Ferro Ruibal, ambos da R.A.G., Fernando Filgueira Iglesias, ; Manuel Regueiro Tenreiro, coautor; e Xulio Xiz, por Galicia Digital.
A publicación está editada pola plataforma en Internet Galicia Digital (www.galiciadigital.com), co apoio da Xunta de Galicia.
Cada asistente recibirá un exemplar desta obra, que se distribúe gratuitamente a centros educativos e interesados na obra de Filgueira Valverde.