A zona peonil da Ronda da Muralla, á altura da Mosqueira, serviu hoxe como punto de encontro para a presentación do programa do Arde Lvcvs 2024, unha edición que ofertará máis de 300 actividades, entre as que figuran importantes novidades, enfocadas a exaltar a recreación histórica, a potenciar ao máximo a animación na rúa e a acadar a implicación da xente máis nova, con máis actividades dirixidas á xente nova e á xuventude.
O Arde Lvcvs contará con 19 asociacións de castrexos e romanos.Entre as novidades do programa deste ano, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, tivo unha mención especial para un acto que “quedará instaurado neste 2024, xusto antes do apagado do lume, dedicado á memoria dos cidadáns e cidadás que xa non están connosco pero que fixeron moito polo Arde Lvcvs; para eles e elas será esa homenaxe coa que queremos que nunca se esqueza a súa pegada”.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, foi o encargado de concretar o programa de actos, prestando especial atención ás novidades deste ano. Así, entre outras, chamou a atención da denominada “A Palestra”, coa participación duns 200 nenos e nenas de clubs deportivos da cidade, “que fixeron un gran traballo de investigación e recreación histórica, para adaptar os deportes actuais ás disciplinas deportivas da época, e que se desenvolverá na recentemente renovada praza do Ferrol”.
Tamén destacou a celebración dos “Xogos Píticos, unha recreación histórica dos xogos olímpicos na honra do deus Apolo, e que levarán as carreiras de cuadrigas e cabalos e as batallas de gladiadores con armas propias da época, ata a explanada do pavillón dos deportes”. Estas olimpíadas deportivas se realizarán na zona próxima na que se desenvolve o circo romano. Precisamente, sobre este evento o concelleiro de Xuventude adiantou que toda a información ao respecto estará dispoñible a partir do día 3 na páxina web entradaslugo.es, para poder mercalas desde o día 6 de xuño.
Ademais das novidades que buscan potenciar a recreación histórica que define a esta festa, tamén haberá incorporacións ao programa dirixidas aos máis novos, o que se traduce en máis actos no Miúdo Arte, enfocado a nenos e nenas. Tamén este ano terá lugar a segunda edición de Cantando o Arde Lvcvs, coa participación de varios centros de ensino.
O programa deste ano introduce cambios como a recuperación dos postos de comida e restauración, que volven a formar parte da festa, como fixeron nas edicións anteriores á pandemia; novos espectáculos de lume; e a potenciación de máis actividades de animación na rúa.