O alcalde de Ribadeo critica o Plan de Conservación da Xunta para As Catedrais

Representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas presentaron hoxe en Ribadeo o Plan de Conservación da Praia das Catedrais. Apelaron á colaboración entre as distintas administracións para que a Praia das Catedrais “siga a ser un referente polos seus valores ambientais e pola súas posibilidades turísticas”.

O Plan foi redactado por especialistas e tendo en conta o criterio de técnicos e científicos. De igual xeito, dende a Concellería subliñaron que o documento é froito do “diálogo e da participación, xa que foi sometido a dous procesos de participación pública e incorporou case un 90% das alegacións recibidas”.

Dende o executivo galego afirman que o Plan nace da “preocupación polo perigo de degradación que a concentración excesiva de visitantes supón para este espazo protexido, unha preocupación que foi trasladada á Xunta de Galicia tanto polo Concello de Ribadeo como pola Deputación de Lugo”.

“O proceso de elaboración do Plan confirmou que o fluxo excesivo de visitantes resultaba unha ameaza para o lugar e determinou en 4.812 persoas e día o límite recomendable para evitar danos”. Esa será a cifra máxima de visitantes prevista polo sistema de regulación de acceso, posto en marcha xa neste verán e que estará en vigor nos meses de xullo, agosto e setembro, ademais de Semana Santa.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Súarez, sinalou esta mañá que no tocante ao diálogo do que fala o executivo galego a hora de facer o Plan de Conservación, ” con nós dende logo foi nulo. Teño a motivación absoluta e o orgullo de tantísima xente que apoiou o noso proxecto para este plan, que nada ten que ver co que presentouse hoxe pola Consellería. Lamento que se utilice unha convocatoria pública e mediatica para evidenciar unha separación absoluta sobre como debe tratarse un monumento natural”.

A partir de mañá estará xa operativa a plataforma web habilitada pola Xunta de Galicia, a traveso do enderezo http://ascatedrais.xunta.es para acadar a autorización necesaria para acceder ao Monumento Natural da Praia das Catedrais.

Esa autorización será necesaria desde o vindeiro 1 de xullo e poderá reservarse desde 15 días antes nesa plataforma web, que proporcionará, ademais, información sobre as horas máis propicias para a visita, sobre as mareas, e sobre a cantidade de persoas que xa reservou autorización para acudir ao lugar na mesma data.

A Consellería de Medio Ambiente reservará unha porcentaxe de autorizacións diarias para que sexa xestionadas polos empresarios locais, os concellos da zona e o Clúster de Turismo de Galicia. A Xunta de Galicia desenvolverá unha campaña informativa sobre a regulación de accesos á praia das Catedrais, dirixida tanto aos colectivos e asociacións profesionais como á sociedade en xeral.

O Plan establece cinco obxectivos estratéxicos, como son o de a creación dun inventario de hábitats naturais e de especies de flora e fauna silvestre, o seguimento e control das especies exóticas invasoras, favorecer a desestacionalización da demanda, e por último a promoción doutros puntos de interese turístico na comarca, a mellora paisaxística do patrimonio natural e o favorecemento do compromiso social mediante a promoción de campañas e da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com