O Deputado de Igualdade, Álvaro Santos Ramos, a Concelleira de Benestar Social de Lugo, Ana González Abelleira, e a escritora, Inés Fernández Lamela, presentaron este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos As miñas fillas devolvéronme a vida, publicación de dita autora, na que afonda e narra a súa propia experiencia como vítima de violencia de xénero. Na presentación tamén participou a Pedagoga da Casa da Muller, Belén Regueiro Burgo.
Álvaro Santos Ramos destacou que “a violencia de xénero constitúe un atentado contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres. Isto reflexa unha mostra de desigualdade entre xéneros moi clara. É un problema que traspasa fronteiras e se atopa na maior parte dos países do mundo”. Neste senso, Santos Ramos subliñou que durante este ano son xa 40 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas; e nos últimos 10 anos, a cifra supera as 700.
Ana Abelleira fixo fincapé “na necesidade de que toda a sociedade tome conciencia da lacra social que supón a violencia de xénero, e este libro é un bo exemplo para facelo”, ao tempo que lembrou que Lugo asinou no ano 2015 o Pacto cidadán por un Lugo libre de violencia de xénero.
As miñas fillas devolvéronme a vida
Esta é unha publicación en primeira persoa, na que a autora, Inés Fernández, narra a súa propia historia vivida durante 29 anos como muller maltratada, tanto física como psicoloxicamente, a mans do seu marido. De feito, a autora reivindica xa no propio titulo do seu libro a importancia das súas fillas á hora de denunciar ao maltratador pois “grazas a elas estou viva e loito cada día por ter un sorriso na cara”, afirma Inés Fernández.
Aos seus 53 anos, Fernández recalca a necesidade de elaborar protocolos de actuación máis axeitados á realidade actual pois aínda son moitas as mulleres que deciden non contalo por medo; de concienciar á sociedade actual sobre a violencia de xénero, sobre todo nas xeracións de mozos; e que a súa experiencia sirva de punto de partida a moitas outras mulleres que se atopen en situacións semellantes.