O Pazo de San Roque en Chantada, acolleu o acto da estrea do documental “A verba viva”, que presentou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado pola directora da peza, Lorena Gallardo e da produtora Mercedes Vázquez. Segundo García, a obra “incide especialmente nos seus valores culturais e lingüísticos”, quen sinalou que a peza completa estará “dispoñible proximamente en aberto para consumo e divulgación de toda a cidadanía desde o Portal da Lingua Galega”.
A verba, percorrido poderoso pola ribeira
A verba viva. Ribeira Sacra. Paisaxe cultural e patrimonio lingüístico é un percorrido pola Ribeira Sacra desde o seu núcleo. Unha viaxe audiovisual a unha paisaxe cultural única que só poden ser entendidas desde as claves que rexen o patrimonio humano e os seus e as súas protagonistas: os ribeiraos e as ribeirás, que achegan o público espectador de primeira man á verdadeira identidade do territorio. A propia conversa coa veciñanza fai emerxer dos ríos Sil e Miño a lingua e a fala propias dun xeito natural: unha boa parte das verbas singulares que definiron e definen a vida en forte pendente, o patrimonio, a paisaxe, a viticultura e as tradicións.
A verba viva pretende, para alén de entreter e guiar ao espectador, promocionar a Ribeira Sacra e afondar no seu patrimonio lingüístico co obxectivo de recoller, recuperar e divulgar a lingua e os termos propios do xeito de vida da ribeira: artesáns e artesás, viticultores/as con herdanza familiar e amantes do río e da terra.